Pasar al contenido principal

O único que pedimos os enxeñeiros informáticos é ser tratados como o resto de enxeñarías

El Correo Gallego

Os enxeñeiros informáticos puxeron o grito no ceo ó coñecer que, segundo o borrador do Proxecto de Lei de Servizos Profesionais, o Goberno central pretender deixar fóra do eido das enxeñarías ás Enxeñarías en Informática. Nunha entrevista este xoves en Radio Obradoiro, o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia aseguraba "non enteder as razóns, xa que as Enxeñarías en Informática son as que máis estudantes teñen de tódalas enxeñarías, cunha gran cantidade de titulados que están traballando no noso país".

Para Fernando Suárez estamos ante "un agravio e un sinsentido nun momento de crise, de cambio de paradigma económico, no que os gobernos falan do paso á economía do coñecemento. Pensamos que nela nós temos que ter un protagonismo principal". Segundo dixo, mantiveron varios encontros con responsables dos ministerios de Economía e Industria "para tentar reconducir esta situación". Fixo fincapé en que esta situación ven de atrás, "porque xa houbo unha diferenciación coas Enxeñarías en Informática coa adaptación ó Plan Bolonia".

A xuízo de Suárez, a exclusión destas titulacións do eido da enxeñaría non só provocaría "unha baixada no número de estudantes, porque verían que a súa profesión non ten o prestixio que debería de ter, e unha baixada da produtividade e da competitividade da nosa economía". O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia insiste en que "o único que pedimos é un trato igualitario, que se nos trate como ó resto de enxeñarías, que se nos englobe nese tratamento común para as enxeñarías que se recolle nese Proxecto de Lei".

Suárez sinala que "aínda que non queremos ser alarmistas", a exclusión podería ter graves consecuencias porque "as Enxeñarías en Informática teñen moito que ver con temas que son cruciais no día a día". Alerta en calquera caso que "se non temos unha profesión que garanta unhas competencias e uns coñecementos en cuestións como por exemplo a xestión de todo tipo de tráficos, estamos abocados a que estes proxectos estean liderados por xente que non ten os suficientes coñececementos e responsabilidade, o que fará que probablemente estes asuntos non funcionen coas suficientes garantías que a poboación precisa".

Os afectados están recabando firmas de apoio a través da plataforma change.org, "para trasladarllas ós ministerios".