Pasar al contenido principal

O Presidente do CPEIG esíxelle ao Goberno a inclusión das Enxeñarías Informáticas na Lei de Servizos Profesionais

Logotipo da Universidade de Santiago

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2013.- O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, realizou esta mañá unha acesa defensa das enxeñarías en informática durante a súa intervención no Día da Escola, acto organizado pola Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela.

En presenza do reitor da USC, Juan Casares Long, e doutras autoridades académicas e alumnado, o máximo representante do CPEIG  pronunciou a súa charla baixo o epígrafe de O futuro das enxeñarías ante a reforma da Lei de Servizos Profesionais, na que demandou do actual Goberno central a inclusión das enxeñarías informáticas na futura Lei de Servizos Profesionais.

Na súa alocución, referiuse a un borrador de dita lei que, explicitamente, exclúe as enxeñarías informáticas do eido das demais enxeñarías. De aprobarse a lei nos termos recollidos no borrador, suporía "un agravio inaceptable para as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática", denunciou Suárez Lorenzo.

Múltiples iniciativas aprobadas

O presidente do CPEIG incidiu en que resulta preocupante "a cegueira dos nosos actuais gobernantes, quen, cando estaban na oposición, clamaron contra a discriminación á que o Goberno socialista sometía ao colectivo das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos, e que agora fan caso omiso ás múltiples iniciativas aprobadas nos parlamentos autonómicos, Congreso dos Deputados e Senado a prol da Enxeñaría en Informática".

Segundo apuntou Suárez Lorenzo, todos os sectores da sociedade moderna apóianse na Enxeñaría Informática para o seu funcionamento e excluíla do resto das enxeñarías suporía "impedir que o país avance e progrese de xeito axeitado", ademais de restarlle garantías á sociedade. 

 

En opinión do CPEIG, a futura Lei de Servizos Profesionais podería ocasionar perdas millonarias por proxectos fallidos pola falla de garantía e provocaría, tamén, que centos de estudantes valiosos se matriculen no futuro noutras carreiras que si teñen o recoñecemento social.

"Se o borrador de lei se converte en norma –afondou Suárez Lorenzo- España seguirá descendendo nos rankings mundiais sobre o emprego de novas tecnoloxías e perderanse miles de postos de traballo neste sector". Do mesmo xeito, prognosticou unha emigración de profesionais que porán o seu coñecemento ao servizo doutros países de prosperar o borrador da Lei de Servizos Profesionais.