Santiago de Compostela, 24 de abril de 2013.- O día 25 de abril é o Día Internacional das Rapazas nas TIC (Girls in ICT), promovido e coordenado pola International Telecommunications Union (ITU), da que España é membro, para crear unha contorna global que promova e apoie as rapazas para que elixan carreiras no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs).
O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e a Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Consellería de Educación, Secretaría Xeral de Igualdade, a Rede Galega de e-Learning e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) promoven un acto presencial e aberto por multiconferencia aos centros de ensino secundario que queiran participar no mesmo. O evento terá lugar o mesmo día 25 de abril, presidido pola Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, a partir das 10 da mañá.
Programa
10:00 Benvida: Presidente do Centro de Supercomputación de Galicia
10:05 Unha fenda dixital a salvar. As rapazas, emprendemento e as TIC. Consellería Educación
10:10 O papel das rapazas e as TIC na modernización tecnolóxica galega (Mar Pereira, Directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia)
10:15 Proxecto Europeo ICT-Go-Girls! "Promoción do emprendemento entre as rapazas de Secundaria a través das TIC" (Maria R. Malmierca, Cesga – Beatriz Cebreiro López, USC – Fernando Suárez, presidente CPEIG).
Visión e experiencia de catro mulleres emprendedoras galegas en contorna TIC:
- 10:25 Visión e experiencia de Luz Castro, Propietaria de Imaxin Software http://www.imaxin.com/
- 10:30 Visión e experiencia de Noa Orizales, Directora de Contidos Dixitais http://contidosdixitais.com/
- 10:35 Visión e experiencia de Marta Fernández Bugeiro, CEO de Smartbites http://www.smartbites.net/
- 10:40 Visión e experiencia de Maica García Rodríguez, CEO de Frutifri http://www.frutifri.com/
10:50 Participación por multiconferencia dende os centros piloto do proxecto e outros centros de secundaria galegos interesados. Rolda de preguntas e comentarios.
11:30. Peche do acto.
Máis recursos sobre este evento: http://girlsinict.org/es/
Proxecto ICT-Go-Girls: http://ictgogirls.eu
A conmemoración do Día Internacional das Rapazas nas TIC parte da necesidade de que as mulleres sexan parte activa na creación, non só no consumo, das tecnoloxías que marcan a vida actual. De aí o interese de fomentar nas rapazas a orientación académica no ámbito das TIC xa na educación secundaria.