Pasar al contenido principal

Rafael Millán aborda a Administración Electrónica Segura este mércores a partir das cinco da tarde no Salón de Actos da EGAP

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2013.-Rafael Millán, letrado da Xunta de Galicia e profesor asociado de Dereito Mercantil da USC, ofrecerá o vindeiro mércores, día 15 de maio, unha conferencia dentro do terceiro Curso Superior de Administración Electrónica, convocado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Será a partir das cinco da tarde no salón de actos da EGAP, en Santiago de Compostela.

Baixo o epígrafe de Administración electrónica segura, datos e normas, o relator abordará os procesos de modernización administrativa que deben pasar necesariamente, en opinión do conferenciante, por "unha fase previa de formación de funcionarios, de adquisición e implantación de medios e sistemas informáticos e de oferta á cidadanía de servizos da sociedade da información". A conferencia versará sobre as vantaxes que ofrece a chamada administración electrónica para a propia administración e, sobre todo, para a cidadanía, a través dunha visión xeral das disposicións que se promulgaron nos últimos 10 anos.

Cincuenta prazas

O Curso Superior de Administración Electrónica, dirixido polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, ofrece un total de 50 prazas e a súa duración é de 114 horas, das que 84 son teóricas e 30, prácticas. A actividade formativa pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións de Galicia.

Os destinatarios do curso son empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, e das universidades do sistema universitario da comunidade, así como persoal contratado polas administracións públicas e os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

Ao abeiro do acordo existente entre o colexio e a EGAP, os colexiados e colexiadas obteñen un prezo especial na matrícula de 350€, fronte aos 500 euros que deben pagar aqueles alumnos non funcionarios.