Pasar al contenido principal

O CPEIG premia a compañía SETPAY co galardón de Iniciativa Empresarial

Logo SetPay

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2013.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) acordou premiar a empresa galega SetPay co galardón Iniciativa Empresarial. A entrega do premio terá lugar durante a celebración da quinta edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o vindeiro 4 de outubro en Santiago.

SetPay é unha solución que se basea nos cobros con tarxeta desde o dispositivo móbil. Trátase do único sistema en España que emprega validación con PIN.

Autónomos, empresas e particulares xestionan de xeito rápido e cómodo, e en calquera lugar, os pagos con tarxeta da súa clientela. A solución válese do teléfono ou tableta do vendedor e dun pequeno lector de tarxetas inalámbrico para realizar os cobros, o que permite unha sensible redución dos custos e simplificación do proceso. En opinión de David Pombar, director executivo da empresa, "trátase dun servizo novidoso no seu fondo, non só na forma".

A compañía SetPay naceu en xaneiro de 2012 e ten a súa sede en Santiago de Compostela, desde onde desenvolve as súas solucións, presta servizo e dá soporte a toda España. Os fundadores son Xavier Martínez Cobas, profesor universitario de Económicas, e dous informáticos: Xoan González Díaz e David Pombar Lourido.

SOBRE O CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.