Pasar al contenido principal

XEMTE, unha oportunidade para a mellora dos expertos en tecnoloxía do futuro

Símbolo do CPEIG

O vindeiro mes de xaneiro arrincará a primeira edición de Xemte, título propio da UDC e creado pola empresa de innovación tecnolóxica Emetel que preparará a expertos en tecnoloxía para o seu mellor desenvolvemento persoal mediante o aporte de valor técnico e real ás empresas. O prazo de presinscrición no posgrao remata o vindeiro día 23 de decembro.

Unha panca de cambio para a mellora da xestión empresarial, así nace Xemte, Posgrao Universitario en Especialización en Xestión Empresarial e Tecnoloxía que a UDC aplicará como título propio a partir do vindeiro mes de xaneiro. O seu principal obxectivo será a formación de expertos en tecnoloxía para que interioricen a realidade da empresa, adquirindo as habilidades necesarias para o seu mellor desenvolvemento profesional e para achegar valor ás compañías.

Xemte conta coa colaboración de empresas que queren apadriñar ou achegar o seu gran de area neste proxecto, impulsores como Altia, Banco Etcheverría, Retegal, Dielectro ou Cultura de Comunicación xa confirmaron a súa participación. Todos súmanse, xunto á Universidade, profesorado e alumnos, á comunidade Xemte, un paso adiante cara á educación colaboradora, práctica e enfocada a potenciar as habilidades do alumno. Dentro das entidades colaboradoras está o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

Innovador plan de estudos

Segundo Manuel Lago Vecino, director xeral de Emetel e impulsor do proxecto, "os técnicos responsables das TIC que saen da Universidade teñen uns excelentes coñecementos técnicos, pero en ocasións fáltalles ter unha visión xeral das compañías, en definitiva, estratexia empresarial. Con Xemte formaremos expertos en tecnoloxía que sexan capaces de aplicala en cada proceso empresarial, así é como pode darse o punto de inflexión no que o profesional achegue valor ás empresas".

Para xerar este coñecemento, determinante para estes futuros traballadores, empregarase unha metodoloxía aberta, práctica e enfocada ás posibilidades do propio alumno ofrecendo un plan de estudos no que se xuntan as clases maxistrais, as mesas redondas ou as visitas a empresas como parte fundamental da aprendizaxe. Ademais, para o desenvolvemento deste posgrao tense en conta as formas de financiamento, dando facilidades aos seus alumnos para que ningún deles atope no económico unha traba para sumarse a el.

No transcurso do curso, a participación e a potenciación das capacidades do alumno serán aspectos fundamentais que se fomentarán desde a docencia. A metodoloxía de Xemte é eminentemente práctica, expoñeranse casos prácticos reais nos que os alumnos coñecerán de primeira man o escenario empresarial, a realidade do día a día das compañías cos seus problemas e as solucións para facerlles fronte.

Incorporación ás empresas asociadas: o futuro do alumno Xemte está dirixido a enxeñeiros técnicos, graos e Enxeñeiros en Informática, Telecomunicacións ou Industriais, graos e licenciados en Ciencias Físicas ou Matemáticas, así como para profesionais sen titulación universitaria que reúnan os requisitos para cursar estudos universitarios e acrediten un desempeño profesional acorde. E cada ano suporá unha oportunidade para o seu grupo reducido de 20 alumnos xa que se incorporarán a unha das empresas asociadas ao seu programa.

En Xemte conxúgase a demanda que presentan as compañías actualmente coas necesidades do alumnado de completar a súa formación adecuándoa ao mercado. O alumno é o centro sobre o que vira este proxecto.