Pasar al contenido principal

O CPEIG rexeita que o concello ourensán intente agochar un erro na xestión escudándose nun inexistente fallo informático

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2013.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) quere manifestar publicamente o seu enérxico rexeitamento ás declaracións efectuadas pola directora xeral de Persoal do Concello de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, quen recentemente quixo agochar unha equivocación na xestión detrás dun inexistente "fallo informático". Tal e como hoxe aparece recollido en diversos medios de comunicación, parece que os funcionarios municipais verán reducidos os seus soldos pero non debido a cuestións relacionadas coa Informática. O CPEIG quere deixar claro que a aplicación desa redución é froito dun descoido dos xestores do Concello de Ourense, quen intentan evadir responsabilidades culpando á Informática.

Segundo se desprende das noticias publicadas, o programa de nóminas do Concello de Ourense calcula a retención a realizar en función das expectativas de salario anual de cada traballador. No presente ano, ningún xestor se decatou de que a eliminación da paga extra de 2012 non se prorrogaba ao ano 2013, polo que deixaron que o programa seguise calculando as retencións como se os empregados públicos gañasen un 7% menos.

Bo programa informático

De feito, segundo quere deixar ben claro o CPEIG, todo apunta a que o programa informático de nóminas funcionou correctamente, xa que calculou as retencións a realizar segundo os datos que lle foron introducidos polos responsables de tal tarefa. O mal chamado erro informático solucionaríase se alguén lle indicase ao programa que no presente ano os funcionarios gozarían das súas merecidas 14 pagas habituais e non cabería, en ningún caso, esperar que a aplicación informática adiviñase tal circunstancia.

A cotío os profesionais da Informática enfróntanse coa expresión "fallo informático". É unha frase recorrente que os responsables políticos empregan coma escudos en numerosas ocasións para encubrir a incapacidade das institucións e organismos. Froito dese uso indebido da expresión, os medios de comunicación trasládanlle á opinión pública unha realidade que, en verdade, non se axusta ao feito acontecido.

Como conclusión, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) solicítalle aos responsables políticos e aos medios de comunicación que non desvirtúen o significado do concepto "erro ou fallo informático" e que, antes de cualificar un desatino cun ou outro adxectivo, analicen se se trata dun erro con cariz humano ou informático. Finalmente, o CPEIG reitera a necesidade de xerar e manter a confianza nos sistemas informáticos sempre que estean desenvolvidos e xestionados de forma correcta por profesionais.