Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2014.-O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) continúa aumentando as vantaxes para os seus colexiados, nesta ocasión mediante descontos na matrícula e mensualidades en determinadas escolas infantís para os seus fillos. Ao abeiro do acordo asinado entre a Unión Profesional de Galicia (á que pertence o CPEIG) e PSN Educación y Futuro S.A, o Colexio incide na procura de medidas que acheguen máis posibilidades á conciliación da vida laboral e familiar.
As escolas que ofrecen eses descontos son PSN Bicos de Pontevedra, situada no Centro Monumental da Cidade, na rúa Arcebispo Malvar número 20, e PSN Bicos da Coruña, en Valle Inclán número 38. Ambas escolas teñen cociña propia onde diariamente se elaboran todos os menús adaptados.
Descontos para os colexiados:
- 5% na matrícula.
- Ata o 40% na mensualidade na escola de Pontevedra, se ademais o colexiado é mutualista de PSN.
- Ata o 25% na mensualidade na escola da Coruña, se ademais o colexiado é mutualista de PSN.
Así mesmo, o texto asinado contempla tamén que os colexiados poderán beneficiarse de descontos nas matrículas dos seus fillos en campamentos e obradoiros para nenos e nenas entre os 3 e 8 anos de idade en períodos vacacionais como son o Nadal, a Semana Santa, o Entroido e o verán.