Pasar al contenido principal

A EGAP convoca un novo Curso Superior de Administración Electrónica en colaboración co CPEIG

Logotipo da escola galega de administracións públicas (EGAP)

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2014.- A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) vén de convocar a cuarta edición do Curso Superior de Administración Electrónica, que conta coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).

O Curso Superior de Administración Electrónica, dirixido polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, ofrece un total de 50 prazas e a súa duración é de 114 horas, das que 84 serán teóricas e 30, prácticas. A actividade formativa pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións de Galicia.

A formación estrutúrase en tres módulos. O primeiro deles abrangue os fundamentos das tecnoloxías e sistemas de información (29 horas); o segundo, a Informática e o Dereito (28 horas); e, finalmente, o terceiro ocúpase da Administración electrónica, con 57 horas de duración.

Os destinatarios do curso son empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, e das universidades galegas, así como persoal contratado polas administracións públicas e os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

Ao abeiro do acordo existente entre o colexio e a EGAP, os colexiados e colexiadas obteñen un prezo especial na matrícula de 350€, fronte aos 500 euros que deben pagar aqueles alumnos non funcionarios.

As persoas interesadas poden inscribirse a través da instancia que figura na páxina web da EGAP, no seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/cursoadmonElectronica. O curso realizarase na sede da EGAP, en Santiago de Compostela, desde o mes de abril ao de xullo. As clases prácticas terán lugar preferentemente os luns e mércores.

Para obter máis información pode visitarse a páxina web da EGAP e chamar aos seguintes números de teléfono: 981 54 62 39, 981 54 62 41 e 881 99 70 14.