Pasar al contenido principal

A Amtega e o CPEIG ofrecerán formación especializada en TIC a xornalistas, docentes e empregados públicos

Firma AMTEGA 2014

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2014.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrarán este ano un Foro sobre Calidade e unhas Xornadas sobre as TIC no xornalismo. Son dúas das actuacións recollidas no convenio asinado esta mañá en Santiago pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.

O acordo prevé tamén a organización de cursos e actividades formativas para profesores e empregados públicos da área de informática. A Amtega achegará ao CPEIG 65.000 euros para o desenvolvemento das accións que se recollen no acordo.

Xornadas sobre a calidade e as TIC no xornalismo

O primeiro Foro sobre Calidade ofrecerá un marco de reunión, debate e divulgación a investigadores, empresas, universidades e profesionais sobre as normas de xestión de calidade no ámbito das TIC.

O obxectivo da iniciativa é proporcionarlle aos asistentes información práctica a través da compartición de experiencias de implantación e casos de éxito das empresas. O foro estruturarase en mesas por áreas temáticas que analizarán aspectos como a ISO 9126, ISO 25000, débeda técnica, métrica, integración continua ou auditorías, entre outros.

Por outra banda, o CPEIG quere ofrecer ao colectivo de xornalistas formación en comunicación 2.0 e novas tecnoloxías. Este é o obxectivo das xornadas sobre as TIC e o xornalismo actual nas que se ofrecerá formación práctica sobre a utilización dos recursos dispoñibles en Internet para a creación de contidos, programación, deseño gráfico e redes sociais.

Formación a docentes e empregados públicos

Que os docentes adquiran as competencias dixitais precisas para a integración das TIC nas aulas é o obxectivo das xornadas formativas para profesores que o CPEIG celebrará ao longo deste ano. Será formación baseada preferentemente en software libre, que é o que está a empregar o Proxecto Abalar da Xunta. As actividades formativas celebraranse preferentemente nas aulas da Rede CeMIT.

Os profesionais da área de informática da Administración autonómica son outro dos colectivos aos que se dirixen as actuacións do convenio asinado hoxe. O Colexio impartirá oito cursos, eminentemente prácticos, combinando información presencial e online sobre metodoloxías e técnicas para sumarlle valor ao seu traballo diario.