Pasar al contenido principal

A Asociación TADEGA, premio e-Inclusión do CPEIG

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 05 de maio de 2014.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de facer público o recoñecemento a TADEGa (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega) coa concesión do premio e-Inclusión.

A asociación sen ánimo de lucro está integrada maioritariamente por profesionais da educación galega que se centran na atención á diversidade: diversidade funcional, terceira idade, multiculturalidade, o rural, altas capacidades, marxinalidade social, etc.

Este galardón representa unha novidade dentro dos premios anuais que o CPEIG entrega na Noite da Enxeñaría en Informática, que este ano se celebrará o día 13 do mes de xuño.

A accesibilidade das TIC, vital

O CPEIG recoñece mediante o premio o traballo desenvolvido por TADEGa a prol da eliminación da fenda dixital que frea o desenvolvemento das persoas con diversidade funcional. O colexio comparte coa asociación premiada o seu ideario, no sentido de que considera a accesibilidade das TIC "vital e base para que os sectores máis febles da sociedade poidan acceder a todos os contidos, servizos e oportunidades coma o resto da cidadanía".

Asemade, o CPEIG valora que a asociación promova a inserción e o aproveitamento das TIC no ensino galego e alí onde se prestan servizos de atención á diversidade, ademais da investigación, fomento e deseño das ferramentas e os métodos para obter o mellor proveito da tecnoloxía dixital e a súa inmersión nas aulas.

SOBRE O CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.