Pasar al contenido principal

Internet, o progreso, a innovación e…a galiña dos ovos de ouro

Símbolo do CPEIG

Co gallo da celebración do Día da Internet e da Sociedade da Información, desde o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) queremos reflexionar sobre estes dous aspectos tan relacionados e que son cruciais na nosa sociedade actual.

O concepto de Sociedade da Información lévanos a pensar nos progresos levados a cabo nos últimos anos, que están cambiando a nosa forma de vida e de sociedade, grazas ao avance da tecnoloxía e o acceso á información e, en consecuencia, ao coñecemento. Este progreso está intimamente ligado ao avance da Internet que, non obstante, está ameazado por distintos poderes fácticos que poderían chegar a provocar un colapso no progreso humano.

Consideramos que a sociedade actual debe tomar conciencia da necesidade de garantir a neutralidade na Rede como algo absolutamente fundamental: os cidadáns temos dereito a que o tráfico de datos non sexa manipulado, modificado, bloqueado, desviado, priorizado ou retrasado, en función do tipo de contido, do protocolo, a aplicación utilizada, da orixe ou do destino da comunicación, nin de calquera outra consideración allea á nosa vontade.

Ese tráfico tratarase como privado e, polo tanto, secreto, e só poderá ser secuestrado, espiado, trazado, arquivado, ou analizado no seu contido ou traxectoria baixo mandato e tutela xudicial, non podendo, en ningún caso, ser sometido á censura previa ou ao secuestro administrativo dos contidos.

Ese principio, que todos os paquetes de datos deben ser tratados igual, xerou a igualdade de oportunidades que fixo de Internet o que é hoxe. E desde logo non ten nada que ver con que todos recibamos todo á mesma velocidade: cada un recibe os bits á velocidade que os contrata.

Na preservación da neutralidade da Rede está, en gran medida, o futuro de Internet e de permitir a innovación en igualdade de oportunidades sen establecer privilexios de ningún tipo.

Pero estes días xurdiron outras controversias ao redor da Rede. Por unha parte, certas críticas ás redes sociais por comentarios amparados nun suposto anonimato sobre o asasinato da presidenta da Deputación de León. Non ten sentido demonizar as redes sociais, que tanto se defenden a prol da liberdade de expresión cando falamos de países con réximes ditatoriais, para criticar esa mesma bondade no noso. As redes non son máis ca un instrumento cuxo uso, correcto ou non, decidimos as persoas que usamos os seus servizos e que, ao cabo, estamos sometidos a vixilancia e posibles condenas no caso de infrinxir as normas, por moito que algúns aínda crean que existe o anonimato nelas.

Por outra parte, está a sentenza sobre o "dereito ao esquecemento". Non podemos pensar no mundo dixital como algo sobre o que lexislar de forma diferente ao mundo físico, e menos en asuntos como a publicación de noticias, por moito que a informática acelere e facilite o acceso ás mesmas. E moito menos podemos permitirnos que quen lexisla teña un descoñecemento tal da tecnoloxía que se equivoque ao sinalar o suposto responsable de dito "dereito". Os buscadores (todos eles, ningún en particular) simplemente referencian as fontes da noticia, non son produtores destas. Por iso, a súa responsabilidade é máis que limitada por canto eliminar esa referencia non suprime a noticia en si.

En definitiva, Internet, cuxo día, lembremos, celebramos hoxe, non cabe dúbida de que é a ferramenta que máis influíu na historia no progreso da Humanidade, democratización e avance. Non nos empeñemos en cambiar a súa esencia, xa que corremos o risco de perder o maior instrumento de innovación que xamais puidemos imaxinar. E se a alguén lle asusta a velocidade á que está cambiando o mundo, que non se acostume... nos vindeiros anos todo irá moito máis á présa.

Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.