Pasar al contenido principal

Os Consellos Xerais de Enxeñarías en Informática manifestan que a falta de regulación no sector provoca situacións incongruentes

Símbolo do CPEIG

Os Consellos Xerais de Enxeñaría en Informática e Enxeñaría Técnica en Informática manifestan a súa preocupación ante a noticia aparecida nos medios, na que se di que "só 5 dos 60 membros do persoal do Servizo Central de Informática do Tribunal de Contas teñen unha cualificación adecuada ao posto que ocupan".

Tanto desde os Consellos Xerais a nivel nacional como desde cada un dos colexios profesionais autonómicos veuse reclamando ante as distintas administracións que saian do inmobilismo e aborden a regulación profesional no ámbito da informática.

Neste sentido, os Colexios de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática da Comunidade Valenciana, co apoio das Universidades, da Comunidade e dos Consellos Xerais CCII e CONCITI, conseguiron en xullo de 2010 que na Lei de Función Pública se crearan dous corpos propios, o Corpo Superior de Enxeñeiros en Informática (A1) e o Corpo de Xestión de Enxeñaría Técnica en Informática (A2), aos que unicamente se pode acceder respectivamente cos títulos de Enxeñaría en Informática ou Enxeñaría Técnica en Informática, ou as correspondentes titulacións do EEES que vinculen co exercicio das mencionadas profesións. Con todo, os esforzos por trasladar este avance ao resto de comunidades autónomas foron inútiles até a data.

Desafortunadamente esta situación de falta regulación non afecta unicamente ás Administracións Públicas xa que na actualidade non existe ningún tipo de regulación profesional no ámbito das Enxeñarías en Informática. Isto supón, por exemplo, que non existe ningunha restrición para as empresas á hora de contratar persoal para a implantación, xestión, auditoría e certificación da calidade dos desenvolvementos, procesos, sistemas, servizos, aplicacións e produtos informáticos de aeroportos, hospitais, centrais nucleares, infraestruturas ferroviarias e de transporte e demais infraestruturas críticas.

Os sistemas informáticos están presentes en todos os ámbitos das nosas vidas e afectan a aspectos tan transcendentais como a seguridade das persoas, a protección de datos persoais, a ciberseguridade ou a economía polo que urxe unha aposta decidido por parte do Goberno para regular o exercicio profesional nestes ámbitos.

Aínda que nunca se pode xulgar sen coñecer os detalles cal é a preparación dos citados profesionais, xa que efectivamente existen multitude de casos de técnicos informáticos que a pesar de non ter formación regulada aválalles unha experiencia e traxectoria de anos, é certo que este caso pon de novo de manifesto a incongruencia á que se enfronta a nosa profesión: invístese diñeiro público en formar decenas de miles de profesionais en todo o territorio nacional, e logo non se saca partido a ese investimento ao non fomentar as contratacións dos profesionais máis cualificados.

O que ocorre coa Enxeñaría Informática en España é un despropósito que se explica cando se traslada a outra profesión: é coma se tras formar a miles de cirurxiáns, non se esixise a titulación para cubrir novas prazas para realizar operacións. Sería unha irresponsabilidade e un pésimo investimento.