Pasar al contenido principal

Mar Pereira avanza que a elaboración da nova Axenda Dixital de Galicia se baseará nun modelo de intelixencia colectiva

Inauguración seminario Axenda Dixital Europea

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, avanzou hoxe que Galicia contará cunha nova Axenda Dixital para o horizonte 2020. A responsable autonómica indicou que na elaboración desta nova estratexia dixital o seu departamento contará coa achega de expertos, das administracións e da sociedade galega, apostando por un modelo de intelixencia colectiva para acadar unha estratexia de todos e para todos os galegos.

Mar Pereira inaugurou esta mañá o seminario Axenda Dixital Europea e Redes Transeuropeas, coordinado por Francisco García Morán, conselleiro xefe en TIC e ex director xeral de Informática da Comisión Europea e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, que interviñeron tamén na apertura da xornada.

Na súa intervención a directora da Amtega lembrou que desde 2014 a Axenda Dixital de Galicia mobilizou preto de 1.000 millóns de euros que permitiron avanzar no achegamento da banda larga a todos os galegos, no establecemento dunha política integral de impulso da administración electrónica e da participación cidadá ou nas medidas para lograr a efectiva introdución das  tecnoloxías da información no tecido empresarial galego.

O obxectivo agora, sinalou, é dar continuidade aos logros acadados e converxer coa UE en 2020 e nesa senda estamos, abordando proxectos proxectos tecnolóxicos de calado para mellorar sectores primarios como a pesca ou o sector forestal; servizos públicos de especial relevancia para a cidadanía como a Educación ou o Benestar cos Plans Trabe e Abalar; e sectores tractores da economía galega como o Turismo a través do Plan Smart Turismo.

Estratexia de Crecemento Dixital

Pereira lembrou que, como paso previo á elaboración da Axenda e dando resposta a un requisito da UE, a Xunta aprobou a finais do ano pasado a Estratexia Galega de Crecemento dixital para afrontar os retos tecnolóxicos formulados por Europa no horizonte 2020. Esta Estratexia está perfectamente aliñada coa RIS3 de Galicia para establecer relacións sinérxicas entre elas, e captar fondos europeos en proxectos tecnolóxicos para a Comunidade no novo período de financiamento 2014-2020. 

As principais liñas de acción que prioriza a Estratexia son a consolidación da Administración electrónica e do eGoberno; a consolidación dun hipersector TIC competitivo e innovador; a mellora da competitividade do tecido empresarial; acadar unha cidadanía plenamente dixital   impulsar o despregamento de redes ultrarrápidas e incentivar de fomentar uso da banda larga móbil e demanda de servizos de fogar dixital.

Seminario 

O Seminario, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega),  ten como obxectivo proporcionar unha visión xeral das políticas dixitais a eses tres niveis, ilustradas mediante a presentación das axendas dixitais da UE, de España e a  a relación existente entre elas. 

Un destacado elenco de especialistas internacionais, de ámbito español e galego  incidirán, hoxe e mañá na importancia da interoperabilidade coma un requisito necesario para a interconexión dos sistemas informáticos a nivel da Unión Europea. Mediante exemplos concretos de sistemas informáticos ilustrarán e afondarán nesa interoporabilidade. Así mesmo, presentarán as estratexias europeas en cloud computing e licitación electrónica.