Pasar al contenido principal

Os pequenos artistas xa poden participar no concurso de Postais de Nadal do CPEIG

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de convocar a terceira edición do Concurso de Postais de Nadal, dirixido a nenos e nenas que estean a cursar infantil ou primaria, e que teñan vinculacións coas persoas colexiadas. O número máximo de candidaturas por colexiada/o é de tres. O premio que recibirá o gañador será unha tablet de 10 polgadas.

As bases do certame son as seguintes:

  1. Técnica: A técnica é libre, podéndose empregar pinturas, témperas, ceras, collage, etc. O formato pode ser vertical ou horizontal. 
  2. Datas de entrega: desde o 24 de novembro ata as 23:59 do día 8 de decembro de 2014. 
  3. Forma de entrega: As candidaturas enviaranse por correo electrónico ao enderezo informacion@cpeig.org indicando o nome, apelidos, teléfono de contacto e idade da/o nena/o, xuntando a postal dixitalizada en formato jpg ou png e cunha resolución mínima de 300 puntos por pulgada. O CPEIG enviará no prazo máximo de 24 horas un correo electrónico confirmando a inscrición da postal no concurso. Os debuxos non poder conter ningún sinal que permita identificar a autora ou autor. 
  4. Xurado
    • Estará composto por un mínimo de 3 persoas. 
    • Calquera colexiada/o que non presente candidaturas e así o solicite poderá formar parte do xurado. 
    • O xurado valorará a creatividade e a adecuación ao tema proposto.   
    • Os membros do xurado descoñecerán a autoría das postais polo que estas non poderán conter ningún sinal que permita identificar á autora ou autor. 
    • Cada membro do xurado asignará 5, 4, 3, 2 e 1 puntos ás que considere as 5 mellores postais. 
    • A postal que obteña a maior puntuación, unha vez sumadas as cualificacións outorgadas por cada membro do xurado, será a gañadora. En caso de empate a postal gañadora decidirase por sorteo. 
    • O fallo do xurado farase público na web do colexio (www.cpeig.org) o día 12 de decembro. 
  5. Premio: A postal gañadora será a empregada como postal de Nadal do CPEIG para 2014 e o gañador ou gañadora recibirá un Tablet 10" BQ (ou marca similar, suxeito a dispoñibilidade).