Os usuarios de Yahoo terán pronto a posibilidade de manexar todos os servizos do popular portal de Internet desde unha única páxina. Segundo informa a web da BBC, a compañía iniciou un ambicioso proxecto de transformación que unificará todos os servizos do buscador.
O obxectivo que persegue Yahoo é transformar o seu site nunha enorme rede social na que os seus usuarios poidan atopar e comunicarse rapidamente con calquera outro. Ademais, a compañía estadounidense pretende conseguir que os desenvolvedores web usen os seus servizos e datos para os seus propios fins.
"Estamos, literalmente, refacendo Yahoo de dentro cara a fóra", asegurou o director tecnolóxico da firma, Ari Balogh, durante unha conferencia sobre a web 2.0 celebrada en San Francisco.
Con este proceso de reenxeñaría, Yahoo busca tirar abaixo os muros que separan entre os seus servizos e páxinas web, facilitando así ao usuario fina a posibilidade de ver e xestionar todo o que fan desde a mesma Yahoo.
O anuncio realizouse dous días despois de que expirase o ultimato dado por Microsoft a Yahoo para que esta aceptase a oferta de compra lanzada por aquela no principio do ano e que foi rexeitada xa en dúas ocasións.