Pasar al contenido principal

A ourensá Eva Dafonte, Enxeñeira Informática que traballa no CERN, Premio Ada Byron 2015

EvaDafonte_AdaByron2015

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2015.- O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, anunciou esta mañá en Santiago de Compostela o nome da premiada co galardón Ada Byron, que na presente edición recaeu en Eva Dafonte Pérez (Ourense, 1979).

O máximo representante das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos galegos fixo pública a decisión no evento organizado polo Cesga con motivo do Día Internacional das Rapazas e as TIC.

Eva Dafonte, enxeñeira superior en Informática, traballa na actualidade na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra. É a subdirectora do grupo de Servizos de Bases de Datos e a responsable das bases de datos de toda a organización, desde os sistemas de control de aceleradores, as aplicacións de enxeñaría e administración e os experimentos do LHC. Así mesmo, a premiada é a coordinadora do centro de competencia de bases de datos do programa CERN-Openlab.

Visibilidade das mulleres

Nas palabras pronunciadas no evento organizado polo Cesga e patrocinado polo CPEIG, Fernando Suárez aludiu ao Estudo nacional sobre a situación laboral dos profesionais do sector TIC, presentado a semana pasada polo Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática. Entre outras conclusións, destacou "a masculinización do sector, con apenas un 17% de mulleres, o que cadra coas cifras de estudantes nas titulacións universitarias tecnolóxicas no noso país."

Para o CPEIG, cómpre facerlle ver ás estudantes de Bacharelato que "a Informática tamén é cousa de rapazas. Se botamos a vista atrás, foron moitas as mulleres que xogaron un papel crucial, como Ada Byron, quen pasou á historia como a primeira programadora".

Cómpre lembrar que hai moitas outras figuras femininas destacadas no sector tecnolóxico: desde Grace Murray Hopper (creadora do primeiro compilador) ou Anita Borg (fundadora do Instituto da Muller e a Tecnoloxía) ata Marissa Meyer (actual presidenta de Yahoo), pasando por figuras como a ferrolá Ángela Ruíz, quen polos anos 50 ideou a "Enciclopedia mecánica".

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia quere, mediante a concesión do Premio Ada Byron, visibilizar a participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes dun sector punteiro.

En opinión do CPEIG, as mulleres teñen que ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que "só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias".

Quen foi Ada Byron

Ada Byron foi unha escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.