Pasar al contenido principal

A Asociación Española para a Intelixencia Artificial convoca o Premio Frances Allen

Símbolo do CPEIG

A Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA) creou o presente ano, dentro dos actos do Doctoral Consortium do seu congreso anual, o Premio Frances Allen (http://simd.albacete.org/caepia15/conferencia/doctoral-consortium/) para darlle maior visibilidade ao traballo das mulleres na Enxeñaría en Informática, en particular na área de Intelixencia Artificial (AI).

Mediante o galardón Frances Allen, prémianse teses doutorais defendidas por mulleres, ao tempo que se potencia "o gran labor das bolseiras, profesoras e investigadoras para que sirvan de exemplo a futuras alumnas dos estudos en Informática", destaca a organización do premio. 

A AEPIA é unha organización profesional sen ánimo de lucro que intenta reunir os profesionais da IA en España. Convén sinalar que a presidenta de AEPIA é a profesora da Facultade de Informática da UDC Amparo Alonso Betanzos.

Científica estadounidense

Frances Elizabeth Allen é unha científica estadounidense, primeira muller en gañar o premio Allan Turing no ano 2006. Experta en compiladores, otpimización de código e paralelización, ao poñerlle o seu nome ao galardón a AEPIA quere "renderlle homenaxe ás mulleres pioneiras na investigación e no traballo en Informática, case sempre identificada cos homes", segundo destacan os convocantes do premio.