Pasar al contenido principal

O CPEIG recoñece as pictoaplicacións do Grupo Promedia co premio e-Inclusión

Grupo_Promedia

Santiago de Compostela, 05 de maio de 2015.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de facer público o recoñecemento ao Grupo Promedia, gañador do premio e-Inclusión pola súa aposta pola integración, a través das novas tecnoloxías, das persoas con diferentes problemas da linguaxe.

O Grupo Promedia, con sede no Concello de Ames (A Coruña), é unha empresa fundada no ano 2006 e especializada en deseño web e desenvolvemento de aplicacións para a Internet en Galicia.

Dentro das iniciativas de responsabilidade social corporativa da empresa premiada, destaca o proxecto solidario Pictoaplicaciones.com, no que o persoal emprega o seu coñecemento do sector TIC para desenvolver aplicacións gratuítas e útiles para nenos e adultos con diferentes trastornos da linguaxe. A esas persoas e á súa contorna diríxense as aplicacións a través de pictogramas que lles axudan a entender o mundo que os rodea, o que favorece a súa inclusión a través das novas tecnoloxías.

Segundo lembra Gonzalo García Figueroa, director do Grupo Promedia, "Pictoaplicaciones.com naceu porque un dos socios é pai dun neno con autismo e, a partir dese comezo, puidemos axudar a moita xente con outras necesidades, coma é a parálise cerebral, ictus, síndrome de Down, trastornos da linguaxe en xeral ou un público máis amplo, dado que tamén teñen utilidade en educación infantil ou integración idiomática".

Quen máis o necesita

"Mellorando a comunicación das persoas que máis o necesitan" é o slogan do proxecto Pictoaplicaciones.com, un traballo que agora recoñecen as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática galegos.

O galardón e-Inclusión que concede o CPEIG é o que ten un nomeado carácter solidario e está incluído dentro dos premios anuais que entrega na "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que este ano se celebrará o día 26 do mes de xuño.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.