Santiago de Compostela, 14 de maio de 2015.- A empresa Teimas Desenvolvemento vén de ser elixida gañadora do premio Iniciativa Emprendedora, concedido polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Así o decidiron as persoas colexiadas que participaron no proceso de votación, no que se presentaron oito candidaturas. O galardón entregarase no decurso da Sétima Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o 26 de xuño en Santiago de Compostela.
Teimas Desenvolvemento, con sede en Compostela, é unha empresa de desenvolvemento software orientada a produto, que desenvolve a súa actividade no sector ambiental. Os seus cinco socios son enxeñeiros en Informática: Miguel Varela, Vicente Quintáns, Iago Elizechea, Cristina Vázquez e Ricardo Vila. Fundada en 2008, a pedra angular da súa actividade é o desenvolvemento de produtos ofrecidos como servizo.
Proxecto estrela
Nesta liña, cómpre salientar como proxecto estrela o software para xestión de residuos Teixo, a primeira plataforma dispoñible na Internet que cobre todas as necesidades de xestión interna ambiental e empresarial para entidades do ciclo de xestión de residuos.
Trátase dun sistema dirixido a empresas produtoras, xestoras e transportistas de residuos, que facilita o control da xestión de residuos perigosos e non perigosos. Permite rexistrar os seus datos, confeccionar a súa carteira de procesos e residuos e xerar as notificacións de traslado e documentos de control e seguimento de residuos perigosos.
Tras a consolidación de Teixo, Teimas enfróntase na actualidade ao reto que supón crear a Plataforma Galega de Información Ambiental GAIA, despois de resultar adxudicataria do contrato por parte da Amtega, nunha acción enmarcada no Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013. GAIA será o único punto de acceso para as empresas do sector dos residuos: xestores, produtores e transportistas de refugallos, consultoras ambientais e organismos de control, entre outros.
Sobre o CPEIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.