Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2015.- Benigno Rosón Calvo (Lugo, 1972), subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información na Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, resultou merecente, ao xuízo da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), do Premio Traxectoria Profesional na edición 2015 polo seu "decisivo papel no deseño do futuro modelo de sanidade pública galega".
O galardoado –que recollerá o premio no transcurso da "Noite da Enxeñaría en Informática" o vindeiro 26 de xuño- é licenciado en Informática pola Universidade da Coruña (1990-1995). No ano 2009 obtén o diploma de directivo da Xunta de Galicia no Programa de Dirección Innovadora e en 2010 o Título de Máster en Dirección de Sistemas e Comunicacións polo Instituto Nacional de Administración Pública e a Universidade Politécnica de Madrid.
Iniciou a súa carreira profesional hai 20 anos traballando nas empresas do sector TIC, realizando funcións de consultaría e desenvolvemento informático. No ano 1999 ingresou no corpo de Técnicos Superiores de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Servizo Galego de Saúde, onde exerceu distintos niveis de responsabilidade dentro da administración sanitaria. Desde 2009 é subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información na Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
Durante estes anos foi tamén profesor en diversos cursos superiores e de dirección na la Escola Galega de Administración Sanitaria, relator en congresos e autor de distintos artigos divulgativos en revistas especializadas
Desde o seu departamento desenvolvéronse nos últimos anos proxectos de gran repercusión tecnolóxica e asistencial, como a informatización da historia clínica en toda a comunidade galega, a implantación da receita electrónica ou os proxectos europeos H2050 e Innova Saúde.
H2050 e Innova Saúde
Hospital 2050 e Innova Saúde son dous plans de innovación sanitaria cun investimento de máis de 90M€, cuxo ámbito temporal vai de 2012ª 2015, cofinanciado polos Fondos FEDER dentro do "Programa Operativo de I+D+i por e para o beneficio das empresas, Fondo Tecnolóxico 2007-2013. A misión dos Plans de Innovación H2050 e InnovaSaúde é crear o modelo de futuro da sanidade pública galega e que este poida servir de referencia a nivel nacional e europeo.
Desde H2050 e Innova Saúde promóvese a Compra Pública Innovadora (CPI), un instrumento de política de innovación que ten como último obxectivo dinamizar a innovación e a internacionalización mediante a articulación e fortalecemento da demanda tecnolóxica.
En concreto, Innova Saúde inclúe un conxunto de 14 subproxectos mediante os que se materializarán solucións innovadoras a necesidades asistenciais actuais e futuras. Estes sistemas serán os que soporten novos modelos para a prestación de servizos sanitarios e sociosanitarios en modalidades presenciais e non presenciais cos cidadáns –pacientes e coidadores-.
Os novos modelos de servizos oriéntanse tanto á prevención e promoción da saúde como á vixilancia, seguimento e tratamento e coidados en patoloxías (especialmente de carácter crónico), aumentando a capacidade de atención en modalidades como a hospitalización a domicilio ou a atención sociosanitaria, e constitúen tamén unha nova canle que proporciona maior accesibilidade aos servizos sanitarios utilizados tanto polos pacientes como polos coidadores dos mesmos.
O despregamento destas novas plataformas tecnolóxicas tamén suporá un soporte sobre o que articular unha rede para o diagnóstico no que poidan participar todos os profesionais sanitarios do sistema público de Galicia.
Sobre o CPEIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.