Pasar al contenido principal

O CPEIG e a AMTEGA difunden as experiencias na implantación de Proxectos TIC nas empresas galegas

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Amtega, está a organizar a xornada Mellora o teu negocio través das TIC. A experiencia de tres PEMEs galegas. Ao abeiro desta iniciativa, tres responsables dos negocios participantes no programa de asesores TIC explicarán de primeira man o proceso para a implantación de proxectos TIC nas súas empresas e os obxectivos que esperan conseguir.

A xornada desenvolverase o vindeiro 18 de xuño no Centro Demostrador TIC de Santiago de Compostela. Trátase así de achegarlles a pequenos empresarios e autónomos interesados na implantación de novas tecnoloxías nos seus negocios as experiencias xa vividas en PEMEs galegas de diversos sectores. Coa difusión destes casos búscase estimular a implantación de proxectos TIC entre o empresariado de Galicia.

Programa

Tras a benvida institucional, a xerente de Conservas Galuriña, Carmen Sánchez, compartirá cos asistentes a experiencia no proceso de implantación das novas tecnoloxías na súa empresa, creada a partir do seu soño de emprender un negocio de empanadas e conservas artesás co mellor produto da zona: peixe, mariscos e algas.

Con sede no concello de Muros, Galuriña distínguese pola receita das súas empanadas, que serviron para recuperar unha receita de masas do século XIX, e pola calidade e a embalaxe das súas conservas.

A continuación, Javier Barral abordará o proceso experimentado na queixería Brexeo, creada en 1991 cando tres gandeiros de Sobrado dos Monxes deciden unirse para utilizar o leite das súas explotacións familiares na elaboración de queixo. Na actualidade ten 8 empregados e transforma entre 250.000 e 350.000 litros de leite ao mes. Está adherida aos Consellos Reguladores de Denominación de Orixe Protexida Tetilla e Arzúa-Ulloa.

Finalmente, Rafael González achegará a vivencia da implantación de novas tecnoloxías na empresa de construción González Otero, con sede en Sanxenxo. Fundada en 1979, a empresa González Otero comezou a súa andaina centrada na construción de vivendas unifamiliares. Integrada na Asociación Provincial de Empresas da Construción de Pontevedra, durante a crise foi quen de reestruturarse e volver medrar. Hoxe oferta todo tipo de obras, desde reformas ata construción de edificios. Un debate aberto cos tres relatores porá o peche ao encontro.

Asesoramento

O Programa de asesores TIC comezou a desenvolverse en 2013 co obxectivo de prestarlles apoio gratuíto a PEMEs galegas no seu proceso de mellora tecnolóxica. A iniciativa dirixiuse especialmente a negocios dos sectores da agroalimentación, mar e acuicultura e construción, representados na xornada do vindeiro 18 de xuño, así como a autónomos.

O asesoramento foi desenvolvido por profesionais con formación en Enxeñaría en Informática, colexiadas e colexiados do CPEIG, para axudarlles ás empresas a definir as súas necesidades, en función do seu modelo de negocio, e buscar as mellores solucións no marco das TICs.