Pasar al contenido principal

Constituída a comisión experta "Estudo sobre factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos e matemáticos"

Símbolo do CPEIG

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a consultora Everis están a realizar o "Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos e matemáticos". Con esta finalidade, o pasado día 11 de xuño constituíuse unha comisión de expertos específica na que participa o CPEIG para trasladar a visión do ente colexial.

O traballo que analiza os factores vocacionais xorde nun contexto educativo galego no que só un 9% dos estudantes universitarios se matricula en carreiras científico-tecnolóxicas, unha situación que cómpre abordar para xerar un cambio que contribúa a aumentar o atractivo destas carreiras entre as mozas e mozos galegos.

Integrantes da comisión

O vogal do CPEIG e profesor universitario Francisco Javier Rodríguez Martínez representa o Colexio na comisión, na que participan tamén: a empresa Everis, o Colexio Oficial de Telecomunicacións de Galica, o Cluster TIC, directores de centros, un representante da USC, o vicerreitor da UDC Ricardo Cao,  asesores especialistas TIC da Consellería de Educación e representantes da Amtega.

O grupo de traballo desenvolve as súa funcións baixo unha metodoloxía participativa que permitirá realizar unha análise, interpretación e valoración conxunta dos datos recadados, para elaborar as conclusións do Estudo e propoñer recomendacións para deseñar posibles vías de potenciación das vocacións científico-tecnolóxicas en Galicia.

Tripla visión

O "Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos e matemáticos" pretende obter unha tripla visión cualitativa e estruturada sobre: as causas de carencia de vocacións científicas, tecnolóxicas e matemáticas entre o alumnado galego; o proceso de elección do itinerario formativo e profesional dos estudantes, os criterios, momentos críticos, axentes e factores que máis inflúen; e as posibles vías de actuación para potenciar estas vocacións e mellorar o rendemento escolar nestes ámbitos.

Para a elaboración do estudo partiuse dunha metodoloxía focalizada na visión que o propio alumnado de 3º, 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato nos centros educativos galegos ten sobre os factores que máis inflúen no momento de elixir o seu itinerario formativo. Con esa intención trasladóuselle un cuestionario para recoller as súas percepcións a unha mostra representativa deste alumnado.