Pasar al contenido principal

Xornada de oportunidades de Compra Pública Innovadora (CPI) para empresas TIC

Símbolo do CPEIG

Como complemento á Noite do 26 de xuño, o CPEIG vai celebrar o 2 de xullo un encontro que amosará as potencialidades da Compra Pública Innovadora (CPI) para o impulso das firmas do noso tecido tecnolóxico-dixital.

Acceso gratuíto previa inscrición na conta: eventos@cpeig.org antes das 14:00 horas do 1 de xullo. 

A Xornada de Oportunidades de CPI para empresas TIC desenvolverase no edificio CERSIA de Santiago e dará arrancado arredor das 9.30 horas cun acto de presentación da man do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. 

Ás 9.45 horas intervirá o director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, falando da aposta galega pola Compra Pública Innovadora. Arredor das 10.15 horas está previsto que comece o relatorio de Juan Manuel Garrido (Ministerio de Economía e Competitividade), baixo o epígrafe de As compras públicas como motor de innovación. Garrido abordará os elementos clave da CPI, os beneficios da mesma e o seu marco legal, entre outras cousas. Logo dunha pausa para o café, será a quenda de Sandra Sinde, directora de Innovación Aberta nas Administracións Públicas de Idom Consulting, que debullará o estado de cousas da adquisición pública de tecnoloxía innovadora no panorama internacional. 

Ás 12.15 chegará o punto de vista da empresa galega Bahía Software, que achegará o seguinte relatorio práctico: Aprendendo do concreto, caso de éxito de empresa participante no proceso de CPTI do SERGAS. 

Para rematar, ás 12.45 horas falará Miguel Ortiz, do CDTI (Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial), quen debullará as alternativas existentes hoxe en día para acometer financiamento en CPI, tanto a nivel europeo (programas como Horizon 2020) como a nivel estatal (as achegas do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial).