Pasar al contenido principal

O CPEIG convocou o sector TIC baixo o compromiso de crear unha sociedade da información centrada na persoa e inclusiva

A Noite

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2015.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou o pasado 26 de xuño a  Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, un acto no que fixo entrega dos premios anuais  e no que se reforza o espírito de pertenza a un colectivo con demandas e intereses comúns. Unhas 250 persoas participaron na gala, á que asistiron a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; autoridades académicas; unha representación do empresariado TIC e colexiadas e colexiados.

Na súa alocución aos presentes, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, subliñou "o compromiso da profesión, claro e irrenunciable, de construír unha sociedade da información centrada na persoa, inclusiva, e onde todos poidan crear, acceder, utilizar e compartir a información e o coñecemento para permitir a persoas, comunidades e pobos acadar o seu pleno potencial"

O máximo representante do CPEIG tamén tivo palabras máis reivindicativas. Deste xeito, Suárez Lorenzo apuntou que "é chegado o momento de poñer en valor as capacidades dos profesionais da Enxeñaría en Informática no nivel corporativo axeitado" e destacou que a estratexia informática das organizacións é unha parte crítica da estratexia global corporativa.

Suárez Lorenzo afondou nesta idea e manifestou que "as universidades españolas estiveron formando excelentes enxeñeiros en Informática infrautilizados polas organizacións, entre outras causas polo caos regulatorio e a falla de profesionalidade".

 

Galardóns

En relación aos galardoados da presente edición da Noite, que se celebrou no Hotel-Monumento San Francisco, en Compostela, estas son as entidades, persoas e empresas distinguidas polas enxeñeiras e enxeñeiros informáticos galegos na edición de 2015:

  • Premio Proxecto Fin de Carreira: Jesús Peón López, polo proxecto Plataforma de Identificación Biométrica en Emerxencias Santiarias. Permite identificar os pacientes que requieren de atención sanitaria empregando sistemas biométricos, como a pegada dixital e patrón intravenoso dixital.
  • Premio Iniciativa Emprendedora: Teimas Desenvolvemento, empresa de desenvolvemento software orientada a produto, que leva adiante a súa actividade no sector ambiental.
  • Premio e-Inclusión: Grupo Promedia, pola súa aposta pola integración, a través das novas tecnoloxías, das persoas con diferentes problemas da linguaxe.
  • Premio Ada Byron: Eva Dafonte, enxeñeira superior informática que traballa na actualidade na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra.
  • Premio Apoio á Iniciativa Emprendedora:  Telefónica Galicia Open Future, proxecto tractor que, mediante a convocatoria de emprendedores, impulsa a innovación tecnolóxica en sectores estratéxicos para Galicia. 
  • Premio Traxectoria Profesional: Benigno Rosón, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
  • Premio Iniciativa da Administración: Colaboración da Amtega e a Consellería de Educación na realización do "Estudo sobre os Factores Influentes na Elección de Estudos Científicos, Tecnolóxicos e Matemáticos".
  • Premio Iniciativa Empresarial: Centro Tecnolóxico de Inditex. O epicentro tecnolóxico de Inditex conta cunha superficie construída de 4.000 metros cadrados e está dotado coa última tecnoloxía que garante a máxima seguridade en termos de fiabilidade da infraestrutura e a maior eficiencia enerxética posible.
  • Colexiado de Honra: Miguel Anxo Ríos Fernández, presidente da Real Academia Galega das Ciencias, pioneiro en Galicia no uso da Informática na investigación.

Este ano o CPEIG contou cun maior número de patrocinadores, un feito que dá conta do interese crecente que suscita o colectivo entre o empresariado e as institucións. Como patrocinadores ouro: Altia, Bahía Software, Cluster TIC Galicia, Emetel, Epson, Everis, HP-Intel, Indra, Oracle, Plexus, Telefónica, Vodafone e Xunta de Galicia.

Como patrocinadores  prata: Acuntia, Agasol, Atos, Avaya, Balidea, Cisco, Concello de Santiago, Deputación de Pontevedra, IBM, Idom, Ilux, Inforhouse, Inycom, Kaspersky, Microsoft-Solidq, Tecnocom e Telvent.

Sobre o CPEIG

O CPEIG é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.