Pasar al contenido principal

A campaña "1 mes 1 profesión dixital" analizará o vindeiro 28 de xullo as novas competencias dixitais no eido sociosanitario

Logo 1 mes 1 profesion

Santiago, 23 de xullo de 2015.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan o vindeiro martes 28 a xornada Faite profesional dixital do ámbito sociosanitario. O encontro intégrase na campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital e desenvolverase na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

Os asistentes ao evento coñecerán, da man de destacados expertos e profesionais na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual no eido sociosanitario. Os relatores exporán as características e requisitos do seu labor e perfil profesional, tanto de xeito individual como nun debate conxunto e aberto ao público.

O encontro desenvolverase de 10.30 a 14.00 horas no salón 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia. A inscrición é libre e gratuíta, e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do enderezo electrónico eventos@cpeig.org ou da web www.profesionsdixitais.org, na que tamén figura o programa e información da iniciativa e dos relatores que participan. 

As intervencións poderán seguirse tamén a través do twitter co hashtag #1mes1profDIX e vía streaming a través da web do proxecto  http://profesionsdixitais.org/

Programa e relatores

Tras a benvida institucional, a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, intervirán o coordinador autonómico da Cruz Vermella, Joaquín Varela, e Marta Durán, responsable de Atención ao Cliente Zona Oeste de SARquavitae para abordar a atención xerontolóxica e a xeriátrica dixital. 

A continuación, Julio García Comesaña, subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa do Sergas, e Teresa Martínez Ramonde, xefa do Servizo de Endocrinoloxía do Chuac, falarán do fogar dixital e da consulta médica non presencial.

Pola súa banda, o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón Calvo, abordará o Big Data. Como última intervención do día, Gonzalo García Figueroa e Lola Lago Rincón, do Grupo Promedia, falarán de Apps. Como remate da xornada, abrirase un coloquio entre os relatores e o público.

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou o pasado mes de abril coa xornada Faite profesional dixital do marketing dixital. Trátase dun ciclo de seis xornadas sobre novos perfís dixitais que se desenvolverá ata outubro, e  que ten como obxectivo xeral crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado no presente ano entre o CPEIG e a Amtega.