O sector das novas tecnoloxías loita contra o déficit de profesionais contratándoos en orixe
A denuncia non é nova: faltan profesionais no sector das novas tecnoloxías; e faltan moitos. Segundo a Asociación de Empresas de Tecnoloxías da Información e Comunicacións de España (AETIC), neste momento existe un déficit de 10.000 traballadores de alta cualificación, máis outros 15.000 con perfís medios e baixos. Nos próximos cinco anos, as empresas españolas precisarán de 30.000 enxeñeiros de Telecomunicacións.
Con todo, en 2006 as universidades españolas só produciron 13.700 licenciados en áreas do sector, dos que 2.100 eran telecos. O ano pasado, a Universidade Politécnica de Madrid recibiu 961 solicitudes de emprego para os seus estudantes, mentres que o curso 2005/06 pechouse con 322 titulados. A carencia é tal que un 58% dos estudantes están traballando antes de terminar a carreira.
E se a oferta supera á demanda? "Se este talento non sae das universidades españolas haberá que buscalo noutros países". Carlos Cabezón, director da división de Adecco dedicada ás novas tecnoloxías, teno claro. E o sector tamén. A empresa de xestión de recursos humanos lanzou un programa para contratar en orixe a enxeñeiros, programadores e analistas que queiran emprender unha carreira en España.
Faltan licenciados... e calidade
25.500 euros brutos anuais, máis un 12% de variable, máis beneficios sociais (plan de pensións, seguro médico,...), máis formación de posgrao. A Operadora do Mercado Ibérico de Enerxía (OMEL, algo así como a bolsa de valores que compra e vende enerxía en función da súa demanda en España e Portugal) ten aberto todo o ano un proceso de selección para contratar a tasadores (recentemente licenciados en Telecomunicacións ou Informática) cunhas condicións nada desdeñables. Pero tivo que recorrer ao programa International Mobilty de Adecco para cubrir a súa demanda.
"Ata fai dous ou tres anos, bastabámosnos para completar o persoal", asegura Santos Ortega, Xefe de Recursos Humanos de OMEL, pero "detectamos un baixón drástico de xente preparada; non só faltan licenciados, tamén calidade".
Ademais, segundo Ortega, España vive inmersa nun cambio sociolóxico que, na súa opinión, non se viu vir. "Os estudantes españois teñen moito onde elixir; ademais, hoxe a formación non termina ao conseguir a licenciatura, senón que se completa con estudos no estranxeiro, estancias de training en grandes multinacionais, etcétera".
Así, OMEL encargou a Adecco que busque profesionais noutras latitudes que queiran vir traballar a España, formarse e "nun par de anos dar o salto dentro do sector ou volverse ao seu país de orixe".
Venezuela, Perú, Colombia e Chile son algúns dos caladoiros onde Adecco buscará os traballadores que OMEL non atopa en España. Tamén no leste de Europa (Romanía, República Checa e Eslovaquia), aínda que o idioma e a maior proximidade con outros países nos que os soldos e coberturas son maiores fai máis difícil que a súa primeira elección sexa España.