Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Amtega poñen en marcha as xornadas tecnolóxicas rapaciñ@s o vindeiro 3 de outubro na cidade da cultura

Logo Rapaciñ@s

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2015.- O vindeiro día 3 de outubro o Auditorio da Cidade da Cultura de Galicia e os espazos lindeiros servirán de escenario ao arrinque das xornadas Rapaciñ@s "A tecnoloxía ben segura", impulsadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Rapaciñ@s consta dunha serie de charlas informativas que percorrerá Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG e que dará comezo con esta xornada programada na Cidade da Cultura. Familias e docentes atoparán información e recursos de interese, namentres as nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

Conferencias de Enrique Dans e Rocío Ramos-Paúl

Na xornada do día 3 de outubo, que comezará ás 17.00 horas, o profesor de Sistemas de Información en IE Business School, Enrique Dans, abordará os riscos na rede coa charla "Nenos, Rede e futuro: o perigo está en non estar". A continuación, a psicóloga Rocío Ramos-Paúl, autora do "Manual de Supernanny", exporá as cuestións relativas á "Educar na era dixital".

En paralelo celebraranse obradoiros para nenos de entre 8 e 14 anos sobre navegación segura, realidade aumentada, protección de datos... Estas actividades combinarán aspectos lúdicos e didácticos. Para algunhas delas os rapaces poden precisar un smartphone ou tablet. Non é necesaria a inscrición, as prazas cubriranse por orde de chegada. 

Esta xornada de arranque será inaugurada pola directora da Amtega, Mar Pereira e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Xúntase programa

Límites e oportunidades 

A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s vai de normas e límites para un uso seguro da Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.

Na enquisa feita aos asistentes das xornadas "Navega con Rumbo polo Ciberespazo", impulsadas polo CPEIG en máis de 170 centros, en relación á pregunta "Que outros aspectos do campo das novas tecnoloxías cre que serían necesarios abordar en charlas no seu centro?" resultarán destacadas dúas temáticas: as redes sociais e menores,elixida polo 75,58% dos participantes, e técnicas de control parental, elixida polo 58,72% dos participantes. Destas preocupacións nace a iniciativa Rapaciñ@s, que arrinca o vindeiro sábado.