Pasar al contenido principal

Xa está dispoñible a publicación que recompila os relatorios das xornadas "1 Mes, 1 Profesión Dixital"

Logo 1 mes 1 profesion

Todas aquelas persoas interesadas nos relatorios da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital "1 mes, 1 profesión dixital", liderada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), xa poden consultalos  na Rede: http://profesionsdixitais.org/uploads/1_mes_1_profesion_digital.pdf.

A campaña, cuxa primeira edición se desenvolveu desde o mes de abril ata novembro do presente ano,  estivo integrada por  charlas que contaron coa intervención de expertos e profesionais para dar a  coñecer novos perfís profesionais dixitais como o de deseñador e programador dixitais, professional blogger, desenvolvedor de apps, especialista en contidos ou análise de datos, técnico en marketing online,  atención xeriátrica dixital ou experto en medios de pagos, por só citar algúns. Dado o éxito da iniciativa, está prevista unha segunda edición da campaña para o ano que vén.

Cos prólogos da directora da Amtega, Mar Pereira, e do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a publicación inserida na campaña recolle, ao longo de 44 páxinas, un resumo das intervencións dos relatores que participaron no ciclo.

Fenda entre a oferta e a demanda

Tal e como sinala Mar Pereira no prólogo que asina: "Existe actualmente unha fenda entre a oferta e a demanda no mercado laboral e faise por tanto, máis que necesario, impulsar a identificación destes nichos de oportunidade e fomentar a especialización tecnolóxica precisa para xerar novos perfís profesionais prestos para resolver os retos desta nova época". 

Neste senso, afonda a directora da Amtega: "a Axenda Dixital de Galicia 2020 asume o desafío de dar o paso da competencia ao talento TIC, coa finalidade de aumentar a capacidade produtiva das empresas a través de profesionais TIC que respondan ás necesidades tecnolóxicas actuais e futuras. Neste marco, articularanse unha serie de actuacións, en colaboración con todos os axentes do ecosistema dixital galego, para impulsar as vocacións tecnolóxicas e os novos perfís dixitais".

De feito, a iniciativa "1 mes, 1 profesión dixital", nace ao abeiro do convenio subscrito entre a Amtega e o CPEIG.

Pola súa banda, o presidente do CPEIG destaca no limiar: "Debemos poñer en valor os exemplos de empresas e profesionais que demostran como, cada vez máis, se están a demandar competencias e coñecementos dixitais e como o emprendemento neste ámbito fai que continuamente xurdan novos negocios que hai pouco non existían".

Fernando Suárez insiste en que "temos a responsabilidade de concienciar, tanto á mocidade como a profesionais experimentados, da necesidade de ter coñecementos informáticos sólidos e da evolución destes ao mesmo ritmo que o fai a propia tecnoloxía. Do mesmo xeito, debemos transmitirlle á sociedade a importancia de contar coas mulleres nun sector absolutamente crucial para o desenvolvemento do noso país".

Obxectivos

A campaña "1 mes 1 profesión dixital nace cos obxectivos de potenciar o uso das Tecnoloxías da Información (TI) e estimular as vocacións tecnolóxicas na mocidade galega, así como de axudar ás  persoas demandantes de emprego a incorporarse ao mercado laboral a través da formación en TI.

A actuación enmárcase na campaña europea e-Skills for Jobs 2015, coa que se busca rachar a fenda existente entre as demandas para unha transformación dixital, por unha banda, e as competencias e coñecementos técnicos e as capacidades da poboación activa, por outra. Trátase así de aproveitar o potencial das novas tecnoloxías e non perder o ritmo da concorrencia mundial.

O marketing, a comunicación, a educación, a arquitectura, a sanidade, a empresa… Todos os eidos profesionais e servizos á cidadanía avanzan pola senda da dixitalización e cómpre ter unha poboación preparada para asumir estes avances. A primeira edición da campaña "1 mes 1 profesión dixital" facilitou o achegamento a este novo escenario laboral para facilitar a decisión de cara onde enfocar o futuro profesional.

Programación

A programación das xornadas foi consonte ao seguinte calendario:

29 de abril en Santiago: "Faite profesional dixital do marketing dixital".

25 de maio en Santiago : "Faite profesional dixital dos contidos dixitais".

23 de xuño en Ourense: "Faite profesional dixital da banca do futuro".

28 de xullo en Santiago: "Faite profesional dixital do ámbito sociosanitario".

15 de outubro na Coruña. "Faite profesional de tecnoloxías informáticas na arquitectura".

3 de novembro en Santiago: "Faite profesional dixital do xornalismo".