Santiago de Compostela, 13 de abril de 2016.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de fallar o seu "Premio Iniciativa da Administración" a favor da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo seu proxecto Civil UAVs Initiative. Esta iniciativa, centrada no sector emerxente dos avións non tripulados, suporá un investimento de 115 millóns de euros, a creación de 600 empregos, o impulso de novos investimentos e a mellora da concorrencia industrial galega. Neste proxecto pioneiro a Xunta ten como socios industriais as empresas multinacionais Indra e Inaer.
Os membros da Xunta de Goberno do CPEIG tiveron en conta, para a concesión deste galardón, que o parque industrial e tecnolóxico das Rozas, a desenvolverse ao abeiro da Civil UAVs Initiative, situará a Galicia como unha das rexións líderes a nivel mundial no desenvolvemento e fabricación de avións non tripulados de ámbito civil. Conformarase ademais un centro punteiro de I+D+i especializado nun sector innovador no que as enxeñeiras e os enxeñeiros en Informática realizarán achegas fundamentais.
Segundo informa a Xunta de Galicia, o parque aeronáutico contará cun investimento público e privado dun total de 115 millóns de euros. O proxecto conxunto inclúe un plan asociado con contratos para 18 empresas, das cales o 70% son galegas; acordos tamén para 14 centros de coñecemento da Comunidade, entre os que están as tres universidades e mailo Cesga; o compromiso das multinacionais Indra e Inaer de trasladar a Galicia a súa actividade de avións non tripulados; e a construción do parque tecnolóxico e industrial en Rozas.
Indra e Inaer trasladarán a súa activade de avións non tripulados (UAVs polas súas siglas en inglés) a Galicia, comprometéndose tamén, no marco deste proxecto, á implantación de 6 novas empresas na Comunidade, a desenvolver un catálogo de produtos que se fabricarán integramente en Galicia e se comercializarán a nivel mundial, e a impulsar tecnoloxías transversais de alto impacto noutros sectores como o naval ou a automoción.
Deste xeito, o parque tecnolóxico e industrial contará coa fábrica de helicópteros non tripulados de Inaer e a fábrica de avións non tripulados de Indra; cun centro tecnolóxico; cunha oficina de deseño e certificación; con dúas unidades de instrución e formación, unha para pilotos e outra para formación de operadores de sensores; cun Centro de Control de Tráfico Aéreo; cun novo hangar; e cunha incubadora de empresas.
En opinión do xurado do premio concedido polo CPEIG, ao redor deste polo de avións non tripulados vaise xerar tanto tecido industrial coma un sector auxiliar intensivo en tecnoloxía e en coñecemento, onde o eido TIC vai ser clave, e abrirá novas oportunidades para as organizacións galegas a nivel internacional. "Galicia posicionarase nun sector que vai experimentar un crecemento enorme, polo que é unha oportunidade única para o país", sinala a xunta de goberno do CPEIG.
A entrega do premio, que se une a outros sete galardóns pendentes de fallo, realizarase o día 3 de xuño en Santiago de Compostela durante a celebración da oitava edición da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia".
Sobre o CPEIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.