Santiago de Compostela, 25 de abril de 2016.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan o vindeiro venres 29 a xornada Faladoiros dixitais ao redor do Big Data. O encontro é o primeiro da segunda edición da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital e desenvolverase no Centro de Coñecemento La Molinera, na cidade de Ourense.
Os asistentes ao evento coñecerán, a través das intervencións de destacados expertos e profesionais na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual ao redor do Big Data (datos masivos). Os relatores exporán as características e requisitos das súas funcións profesionais, tanto de xeito individual coma nun debate conxunto e aberto ao público.
O encontro desenvolverase de 09.45 a 14.00 horas no auditorio do Centro Tecnolóxico La Molinera. A inscrición é libre e gratuíta, e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do enderezo electrónico eventos@cpeig.org ou da web www.profesionsdixitais.org, na que tamén figura o programa e información da iniciativa e dos relatores que participan.
Programa e relatores
Tras a benvida institucional, a cargo do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez intervirá David Losada, director do Master BIG Data da USC.
Despois dun descanso, ás 11.45H. falarase de "Boas Prácticas en Big Data", a través das experiencias de ABANCA e PSA Groupe. Os relatores serán Adolfo de la Torre, experto en Infraestrutura IT de PSA Groupe, quen disertará ao redor dun relatorio cuxo título é "Do Big Data ao Smart Data, tecnoloxía e conceptos" e por parte de ABANCA intervirán Jorge García Romarís e José Valiño.
Como remate da xornada está previsto un debate entre os relatores e o público. A organización prevé que o encontro remate contra as dúas da tarde.
1 mes, 1 profesión dixital
A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou o mes de abril do ano pasado e incluíu un ciclo de seis xornadas. Co encontro de Ourense iníciase a segunda edición desta campaña que ten por obxectivo xeral o de crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado no presente ano entre o CPEIG e a Amtega.