Pasar al contenido principal

O CPEIG asina coa Fegamp un convenio para que enxeñeiros en Informática desempregados adquiran experiencia

Firma FEGAMP

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) veñen de asinar un convenio de colaboración para que enxeñeiras e enxeñeiros en situación de desemprego teñan a oportunidade de acceder a prácticas non laborais en concellos e deputacións de Galicia.

A sinatura do acordo produciuse o pasado 27 de abril na sede da Fegamp en Santiago de Compostela. Rubricaron o texto Alfredo García Rodríguez, como presidente da Fegamp, e Fernando Suárez, en representación do CPEIG.

Incorporación ao mundo laboral

Ao abeiro do convenio, os bolseiros adquirirán unha experiencia para mellorar a súa incorporación ao mundo laboral. O obxecto das prácticas é o desenvolvemento das tarefas adecuadas ao nivel de formación dos enxeñeiros que lles sirvan para adquirir unha experiencia enriquecedora para que, unha vez finalizadas, poidan dispoñer dunha perspectiva que lles permita a súa incorporación ao mundo laboral.

Para iso, a FEGAMP divulgará entre os concellos e deputacións de Galicia a existencia deste convenio, coa finalidade de que esas entidades oferten prazas de prácticas. O período das bolsas será de duración determinada pero, en calquera caso, non será inferior aos tres meses nin superior aos seis.

A oferta das bolsas realizarase mediante a adhesión a este convenio e o compromiso de respectar as cláusulas que o rexen. As ofertas recibidas trasladaranse ao Colexio, que se encargará de divulgalas entre os seus colexiados e colexiadas en desemprego.

O CPEIG designará, en cada caso, un titor académico responsable do correcto desenvolvemento das prácticas; así mesmo, seleccionará os bolseiros de acordo a principios de publicidade, igualdade, obxectividade e mérito.