Pasar al contenido principal

Constituído o Grupo de Traballo Fegamp-profesionais TIC das EELL de Galicia

Símbolo do CPEIG

O pasado 31 de marzo constituíuse o  "Grupo de Traballo  Fegamp-profesionais TIC das Entidades Locais de Galicia", un novo instrumento ao servizo da profesión que suporá un impulso para a mellora na carreira laboral dos responsables tecnolóxicos do eido local. 

Entre os acordos acadados na xuntanza de constitución, cómpre destacar que se realizarán contactos desde a Fegamp para tratar de que estean representadas as catro deputacións provinciais na correspondente comisión. 

Decidiuse tamén elaboración dunha declaración institucional no nome da comisión para poñer en valor o papel dos profesionais TIC dentro das entidades locais e dar visibilidade, dese xeito, á súa problemática actual. Este texto redactarase por parte de Fernando Suárez, presidente do CPEIG, co apoio de Juan Luís Núñez, representante do Concello de Vilagarcía de Arousa. 

Outro dos aspectos falados foi o da formación, de xeito que se acordou facerlle chegar á Fegamp as propostas que se estimen necesarias para o persoal das entidades locais, de maneira que se poidan trasladar á Escola Galega de Administración Pública (Egap) para valorar a súa realización, en colaboración co CPEIG e a Amtega. 

Do mesmo xeito, convidouse a darlle difusión por medio da Fegamp aos cursos de formación que se realicen e poidan ser de interese. Os integrantes do grupo de traballo ou calquera outra persoa do ámbito TIC das entidades locais poden achegarlle á Fegamp as iniciativas que consideren relevantes para asegurar a súa difusión ao resto do grupo. 

Asistentes

Os asistentes á xuntaza de constitución do "Grupo de Traballo Fegamp-profesionais TIC das Entidades Locais de Galicia" foron as seguintes persoas: Carina Anta Arias (O Barco), Oficina eConcellos de la Amtega, Eduardo Otero Pardo (Viveiro), Eduardo Risco (Lugo), Miguel Anxo Gómez (Oroso), Fernando Suárez Lorenzo (CPEIG), Jorge Villar Álvarez (Ourense), Juan Gabriel Fernández García de la Rocha (Deputación de Pontevedra), Juan Luis Núñez Touris (Vilagarcía de Arousa), Miguel Orgueira Gómez (Cabanas), Teresa Calvo Pérez (Poio), Olalla Casanova (Redondela) e Raúl Fernández Iglesias (Fegamp).