Pasar al contenido principal

Máis de 300 convidados celebran a capacidade transformadora da Informática, reunidos polo CPEIG

Premiados 2016

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2016.- As colexiadas e colexiados do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebraron hoxe a oitava edición da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", unha gala na que a reivindicación e a reflexión deixaron lugar tamén para o divertimento. Conducido pola estrela televisiva Leo Harlem, o acto celebrouse no Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, e contou cun cóctel de benvida e diversos entretementos de realidade virtual e aumentada, ademais de magos e caricaturistas, a entrega dos premios anuais, unha cea de gala e a actuación do artista convidado.

A xuntanza incorpora cada ano un momento de reflexión. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, destacou nas palabras que lle dirixiu aos presentes "a capacidade transformadora da Industria 4.0, que suporá a penetración masiva da tecnoloxía na contorna industrial e demais sectores".

Son necesarias máis mulleres

 "Desafío" e "reto" foron unhas das verbas máis empregadas por Suárez Lorenzo, quen aludiu nas palabras que lle dirixiu ao público presente a necesidade de incorporar máis mulleres ao sector das tecnoloxías da información para "non perder talento". Nese sentido, sinalou a fortuna de que tres das premiadas sexan mulleres.

Así mesmo, referiuse á ciberseguridade como outro dos desafíos da sociedade actual e destacou que número de incidentes relacionados con ela aumentou nun 80 por cento no último ano. "As autoridades están a tomar conciencia de que a seguridade tecnolóxica é fundamental;  de aí a necesidade de contar con profesionais preparados apra afrontar os retos que os ciberdelincuentes presentan".

Porén, Suárez Lorenzo falou tamén de excepcións e sinalou o caso da Deputación da Coruña, que na súa última convocatoria de prazas para postos de técnico superior en informática fixou como requisitos de acceso ter desde a licenciatura en Dereito ata ser intendente mercantil, pasando pola enxeñaría en Informática.  "Por iso acabamos de interpoñer un recurso de reposición contra a citada convocatoria", asegurou o presidente do CPEIG con ton reivindicativo. 

"Se o reto da seguridade e a privacidade é unha das principais preocupacións de usuarios e administracións, debemos garantir que os responsables das mesmas sexan profesionais debidamente formados e certificados", afondou Fernando Suárez dirixíndose aos presentes.

Empresariado do sector TI, representantes académicos, o reitor da Universidade da Coruña, e cargos públicos coma o conselleiro de Economía, Industria e Emprego, Francisco Conde ou Mar Pereira, directora da Amtega, acompañaron aos colexiados na celebración.

Os galardoados na oitava edición da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" foron os seguintes:

Premio Proxecto Fin de Carreira: María García García polo proxecto Estratexias transaccionais para lograr High-Perfomance en aplicacións JEE7. O obxectivo do traballo é maximizar a eficiencia dos sistemas de transacción garantindo a integridade e consistencia dos datos.

Premio Iniciativa Emprendedora: a empresa NLPgo, con sede en Bertamiráns (Ames), nace en 2015 coa vocación de ser o apoio informático necesario para calquera lingüista ou grupo de lingüistas que non dispoñan do  soporte informático suficiente para levar a cabo os seus proxectos. 

Premio e-Inclusión: Fundación Vodafone España, pola súa acción social, que realiza con proxectos apoiados en desenvolvementos das TIC a prol das persoas maiores e das persoas con discapacidade baixo o epígrafe "Connecting for Good". 

Premio Ada Byron:  Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática da Universidade da Coruña da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos,  creou en 1996 o Laboratorio de Bases de Datos (LBD,) declarado como grupo de investigación de excelencia pola Xunta de Galicia, que dirixe desde entón. 

Premio Iniciativa da Administración:  Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo seu proxecto Civil UAVs Initiative. Esta iniciativa, centrada no sector dos avións non tripulados, suporá un investimento de 115 millóns de euros, a creación de 600 empregos e a mellora da concorrencia industrial galega. 

Premio Iniciativa Empresarial: Autoridade Portuaria da Coruña, polo proxecto Smart Port A Coruña, desenvolvido pola UTE Avante Emetel-Altia. O Porto da Coruña aposta por unha solución tecnolóxica a medida que innova sobre solucións existentes e que inclúe investigación e desenvolvemento de novas  funcionalidades. 

Premio Traxectoria Profesional: Patricia Rodríguez Dapena, fundadora e CEO dunha empresa asentada en Vigo a través da cal traballa en proxectos relacionados con satélites, coma o Meteosat, e sectores como a automoción. Foi enxeñeira de software e de calidade de software en diferentes empresas españolas e tamén foi staff da Axencia Espacial Europea en Holanda (ESTEC). 

Recoñecemento á Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo polos seus 25 anos de brillante traxectoria desde o campus de Ourense. 

Colexiado de honra: Alejandro Pazos Sierra, catedrático da Universidade da Coruña cunha dilatada carreira profesional como investigador, docente e xestor, é pioneiro en servirlle á medicina desde a intelixencia artificial. Fundou o Grupo de Informática Biomédica (GIB), pioneiro en España nesa área, na Universidade Politécnica de Madrid, e en 1990 o GIB na UDC, pioneiro en Galicia.

Todos os premiados recibiron unha estatuíña conmemorativa, agás a gañadora do Premio Proxecto Fin de Carreira, quen tamén recolleu un cheque por valor de mil euros.

Patrocinadores da Noite

Como patrocinadores ouro: Altia, AMTEGA, Bahía Software, Emetel, Epson, Everis, HPE-Intel, Indra, Kaspersky, NetApp, Oracle, Plexus, R, Retegal, Telefónica, Unisys,Vodafone e Xunta de Galicia.

Como prata: Acuntia, Inforhouse, Atos, Avaya, Balidea, Cisco, Deputación de Pontevedra, Ednon, EMC, Fortinet, Grupo PSN, Idom, Informática de El Corte Inglés, Inycom, Oesía, Samsung, Symantec, Taisa, Tech Talents e Tecnocom.