Pasar al contenido principal

Máis de 500 rapaces afondaron no Gaiás nos atractivos e potencialidades das novas tecnoloxías e nas práctcas seguras en Internet

Xornada Gaias

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizou o pasado día 30 de maio na Cidade da Cultura de Galicia, Santiago de Compostela,  a xornada ‘Cidadanía e coñecemento dixital’. O encontro reuniu máis de 500 estudantes de ESO que afondaron nos atractivos das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), nas potencialidades que teñen para o seu desenvolvemento como profesionais no futuro, así como nun uso responsable das mesmas, na mesma liña na que a Xunta xa traballa en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co programa ‘Navega con Rumbo’.

Así mesmo, tratouse de fomentar as vocacións tecnolóxicas da rapazada, as coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías e Matemáticas), co fin de mellorar o índice de coñecemento xeral en ciencia e tecnoloxía. Neste sentido, cómpre lembrar que o "Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñerías e matemáticas en Galicia" indica que o índice de titulados nas Universidades galegas en estudos relacionados co ámbito científico tecnolóxico non será suficiente nos próximos 5 anos para cubrir a demanda de profesionais do sector TIC, xa que só un 8,5% dos alumnos matriculados no sistema universitario galego cursa carreiras do ámbito científico tecnolóxico. Polo tanto, búscase promover estas ensinanzas, coincidindo coa crecente demanda de emprego no sector TIC a nivel rexional, estatal e europeo.

A cita estruturouse arredor de obradoiros e de diferentes charlas, especialmente  en materia de seguridade no emprego da Internet e, concretamente, das redes sociais. Os obradoiros foron impartidos por profesionais do CPEIG, por alumnado do último curso da enxeñería en Telecomunicacións da Uvigo baixo a dirección dos seus profesores universitarios, no marco dun programa de mentorazgo de alumnado e fomento das vocacións científico-tecnolóxicas e por un grupo de alumnos de ESO do IES David Buján, baixo a coordinación do seu profesor José Viñas(Cambre, A Coruña).

Os rapaces participantes procedían de 10 centros: os IES Valadares (Vigo), Teis (Vigo), Vilalonga (Sanxenxo), Laxeiro (Lalín), Blanco Amor (Ourense), A Basella (Vilanova de Arousa), As Mariñas (Betanzos), Agra das Raíces (Cee), e os CPI Atios (Valdoviño) e Castroverde (Castroverde).

No caso do CPEIG, ofrecemos actividades para achegar o alumnado á linguaxe de programación SCRATCH, unhas ensinanzas que este curso xa se imparten en 10 centros educativos da rede Abalar ao abeiro de ‘Programación nas escolas’, ademais de talleres de robótica.