Pasar al contenido principal

O CPEIG presenta un recurso contra o proceso selectivo da Deputación da Coruña para Técnico Superior de Informática

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2016.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) interpuxo un recurso potestativo de reposición  contra a Resolución nº8221/2016, do 19 de abril do mesmo ano, pola que a Deputación da Coruña convocou o proceso selectivo  para elaborar unha listaxe de "aspirantes a nomeamentos e/ou contratacións de persoal laboral temporal para postos de Técnico/a superior de Informática".  A razón principal do recurso é que nas bases se fixa como requisito  unha serie de titulacións que non garanten o bo desempeño do posto.

Entre outras licenciaturas,  a Deputación da Coruña admite a de Psicoloxía, Socioloxía, Dereito, Publicidade e Relacións Públicas, Xornalismo ou Económicas, ademais de posibilidade de que tamén se poidan presenta licenciados/as ou enxeñeiros/as en Informática. Deste xeito, o CPEIG solicita que "estime e acorde establecer coma requisito estar en posesión unicamente do título de enxeñeiro en Informática, eliminando o resto de titulacións sen ningunha conexión cos postos ofertados".

Neste sentido, o recurso presentado o pasado 26 de maio sinala o seguinte: "parecería absolutamente disparatado pensar que para deseñar unha ponte se ofertase un posto no que se admitise un licenciado en Dereito ou un xornalista. Pois exactamente iso é o que está facendo nesta convocatoria, tendo en conta que na actualidade os sistemas informáticos se ocupan de cuestións estratéxicas e de importancia vital na vida das persoas, polo que non poden ser deixados en mans de xente que non estea suficiente e correctamente preparada".

No escrito asinado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, alégase que "sen discutir a capacidade para outras cuestións das titulacións requiridas como requisito establecido na resolución recorrida, as funcións só poden estar cubertas de xeito idóneo por aquelas persoas que estean en posesión do Título de Enxeñeiro/a en Informática". "Esa titulación –afonda o CPEIG- é a única que abrangue todas as capacidades e coñecementos necesarios para o desenvolvemento das funcións requiridas polo temario".

Así mesmo, o CPEIG entende que de igualarse a titulación de Enxeñeiro/a en Informática con todas aquelas recollidas nas bases da convocatoria, que nada teñen que ver cos postos ofertados, estaríase a vulnerar o disposto no artigo 23 da Constitución Española, e maila Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, vulnerando os principios de mérito e capacidade que deben rexer calquera proceso selectivo. 

Defensa da profesión

Mediante a interposición do recurso, o CPEIG atende aos seus fins esenciais: a representación exclusiva da profesión e a defensa dos intereses profesionais dos titulados/as, ademais de exercer "a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante calquera administración pública, institución, tribunal, entidade e particular, podendo exercitar o dereito de petición conforme á Lei e propoñer cantas reformas lexislativas estime xustas para a defensa da profesión".