Pasar al contenido principal

A creatividade e os contidos centrarán un novo faladoiro dixital organizado pola AMTEGA e o CPEIG en Santiago

Logo 1 mes 1 profesion

Un novo faladoiro dixital organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) desenvolverase o vindeiro 8 de xullo dentro da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era  dixital. O encontro, que analizará a creatividade dixital, desenvolverase no Edificio CINC da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, de09.45H. a 14.00H. 

Tras a benvida institucional a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, intervirá Juan Corro, director académico de U-Tad, centro universitario referente na formación de futuros líderes do mundo dixital,  quen se encargará de disertar sobre a "Formación e emprego na revolución dos contidos".

A continuación dun breve descanso, falará  Manuel Meijide, director de ILUX Visual Technologies e experto no deseño e desenvolvemento de proxectos integrais no eido das "smart cities",  quen abordará a charla  "Mundos dixitais e novos media". 

Coma último relator da xornada intervirá Roberto Romero, fundador de Future Lighthouse e desenvolvedor de realidade virtual, quen falará  de  "Realidade virtual, novos horizontes". Para finalizar o "Faladoiro dixital arredor da creatividade dixital", celebrarase unha mesa redonda aberta ás preguntas dos asistentes.

As persoas interesadas en asistiren poden inscribirse xa de balde no enderezo eventos@cpeig.gal e tamén través da web www.profesionsdixitais.org, onde atoparán máis información do programa e dos relatores.

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou a súa segunda edición o mes pasado en Ourense, abordando as oportunidades profesionais e boas prácticas ao redor do Big Data. O obxectivo xeral é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado no presente ano entre o CPEIG e a Amtega.