Pasar al contenido principal

O CPEIG presenta o libro "Historia da Informática, unha cronoloxía" mañá martes

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2016.-  O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) presentará mañá martes, día 5 de xullo, un ambicioso traballo que leva por título "Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía". O volume nace baixo a coordinación de Javier García Tobío, director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e membro da Xunta de Goberno do CPEIG, e polo presidente deste colexio, Fernando Suárez Lorenzo.  Henrique Neira foi o responsable da edición dos textos. 

O acto de presentación, que estará presidido polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijoo, terá lugar a partir das 19.30 H. no auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, diante dunha ampla representación académica, empresarial e profesional do sector TIC.

"Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía", é un primeiro achegamento á historia desta disciplina, que o CPEIG agarda ampliar no futuro. É o primeiro produto dun proxecto máis amplo para recuperala e difundila.  

Tradición de coñecementos e cálculos

Trátase dunha cronoloxía que, ao longo de máis de duascentas páxinas, busca mostrar que existe en Galicia desde hai séculos unha tradición de coñecementos de cálculos matemáticos e astronómicos; sistemas de numeración, de medida e de comunicación; construción, comercio e uso de aparellos de precisión como reloxos, autómatas e máquinas de calcular; estudo e produción de bibliografía científica; ensinanza e moitas profesións relacionadas. 

O  prólogo do libro correu a cargo de Miguel Ángel Ríos, presidente da Real Academia Galega das Ciencias, quen  explica no limiar: "Tras un notable e meritorio esforzo de recompilación de información, procedente de moi diversas fontes, esta organízase cronoloxicamente na dobre perspectiva mencionada e vaise debullando, época a época, ano a ano, atendendo aos fitos máis importantes, desde 42000 a.C.". 

Pola súa banda, o presidente do CPEIG escribe:  "Recoller toda esta evolución no presente libro é para o CPEIG, máis que un desafío, case unha obriga. Ademais da enorme cantidade de información existente en hemerotecas, temos a inmensa fortuna de poder contar co testemuño de moitos dos protagonistas desta revolución na nosa comunidade".  Mediante o libro, o CPEIG  recolle e pon en coñecemento da sociedade casos de éxito nos que Galicia é todo un referente. "Saber de onde vimos e valorar con satisfacción o noso protagonismo pasado, é fundamental para poder tomar decisións que nos permitan ser líderes na construción da Sociedade do Coñecemento", sinala Suárez Lorenzo". 

Precisamente, a introdución do libro sinala que antes dos computadores houbo en Galicia na década dos cincuenta tabuladoras, e antes delas calculadoras electromecánicas e mecánicas, máquinas contables, máquinas de calcular, regras de cálculo, aritmómetros, libros de logaritmos e de contas axustadas, ábacos...

Os primeiros computadores utilizados na comunidade datan da década dos sesenta do século XX: o primeiro foi seguramente o computador analóxico EAI TR-20 que debeu comezar a utilizarse na Universidade de Santiago de Compostela no curso 1962-1963; nos anos seguintes varias empresas e institucións instalaron os seus propios computadores e en 1969 a propia Universidade incorporou un IBM 1130 dixital. 

O crecemento do sector da informática foi acompañado da formación dun gran número de profesionais: dos seus arquivos persoais recupéranse datos e imaxes que serviron para compoñer o libro que o CPEIG presentará o martes.

Implicación de empresas e institucións

O CPEIG quere agradecerlles ás seguintes empresas e institucións a súa contribución como patrocinadores para que o libro –do que se editaron mil exemplares-  sexa unha realidade: Altia, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Bahía Software, Cluster TIC de Galicia, Emetel, Epson, Everis, HPE-Intel, Indra, Oracle, Plexus, R, Telefónica, Vodafone e Xunta de Galicia.