Pasar al contenido principal

Xa tes á túa disposición o número 10 da revista TIG@

Revista TIG@

O CPEIG vén de publicar, en formato electrónico, un novo número da revista TIG@. Trátase da décima entrega da publicación, que ten periodicidade cuadrimestral. Podes lela en https://issuu.com/cpeig/docs/tig__num_10/0.

A publicación leva á portada a pasada celebración da "Noite da Enxeñaría en Informática", que tivo lugar o día 3 de xuño cunha ampla representación de colexiadas e colexiados, empresariado e representantes públicos. Unha reportaxe fotográfica faise eco da entrega dos premios anuais do CPEIG, ademais de plasmar os distintos momentos do evento: cóctel, entrega de galardóns, cea e sorteo de premios.

A revista inclúe no interior o habitual artigo de opinión do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, quen aposta por unha tecnoloxía cooperativa, integradora e segura da man dos profesionais certificados. Argumenta que  o reto da seguridade e a privacidade é unha das principais preocupacións de usuarios e administracións pero que se debe" garantir que os responsables das mesmas, presentes en todo o ciclo de deseño e desenvolvemento dos produtos e servizos, sexan profesionais debidamente formados e cualificados".

Asemade, a revista incorpora un artigo de opinión de Sandra Sinde, directora de Compra Pública Innovadora e Innovación Aberta en Idom Consulting, ademais da sección habitual de "Beneficios colexiais" e da repercusión nos medios de comunicación da actividade do CPEIG. 

Lembrámosche que o comité de redacción da revista está aberto ás túas suxestións para incorporalas a un novo número da revista TIG@ no seguinte correo electrónico: revista@cpeig.gal.