Pasar al contenido principal

Participaremos no ciclo "Tecnoloxías da información e das comunicacións. O futuro xa chegou", convidados pola RAGC

ciclo RAGC

A Real Academia Galega das Ciencias organiza o ciclo "Tecnoloxías da Información e das Comunicacións: o futuro xa chegou", que dará a coñecer algúns dos avances máis importantes e debates sobre temas de especial actualidade no eido das TIC durante os días 12, 13, 14 e 15 de decembro.

O ciclo vai dirixido a un público moi diverso: estudantes, doutorados e investigadores, en particular do eido das TIC e afíns, profesionais e directivos de empresas e administracións públicas, así como a persoas alleas ás TIC pero con interese ou curiosidade polos temas abordados. Cómpre inscribirse  no formulario habilitado para tal fin en www.ragc.gal para asistir.

As charlas terán lugar os días 12,13,14 e 15 xa mencionados ás 19.00 horas do serán no Salón de Actos da Confederación de Empresarios de Galicia, na rúa do Vilar, en Santiago de Compostela.

Por parte do CPEIG participarán como relatores ou moderadores: Francisco Javier Rodríguez Martínez, tesoureiro e tamén director da ESEI, quen intervirá o día 12 na mesa "Estamos formando os profesionais que necesita o sector das TIC?";  Javier García Tobío, director do CESGA e vogal do colexio, quen moderará a mesa "Centros de I+D+i en TIC: conexión co tecido produtivo" o día 14 e  Fernando Suárez Lorenzo, presidente, quen intervirá no diálogo "Moi poucas mulleres en TIC: causas e consecuencias", o día 15.

Coordina o ciclo Senén Barro Ameneiro, catedrático da USC e académico da RAGC.