Pasar al contenido principal

O presidente do CPEIG estará na FIC o día 15 cunha charla sobre a regulación da profesión e as vantaxes da colexiación

Fernando Suárez

Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), ofrecerá unha charla na Facultade de Informática da Coruña o vindeiro 15 de marzo de 12.30 a 13.30 horas. A organización do evento recoméndalles ás persoas interesadas en asistiren a súa inscrición en eventos@cpeig.gal

Baixo o epígrafe de "A Enxeñaría en Informática e os colexios profesionais", Suárez Lorenzo ofrecerá no Salón de Graos Víctor Gulías un repaso aos logros acadados nos 10 anos de existencia do CPEIG, así como ás iniciativas postas en marcha e as vantaxes da colexiación.

Deste xeito, o conferenciante lembrará como  na curta pero frutífera traxectoria do Colexio, cabe sinalar como grande éxito ata o día de hoxe o logro da modificación dun proceso selectivo da Deputación da Coruña para técnico superior de Informática despois de presentar o oportuno recurso. A modificación supuxo cambiar o requisito de acceso, de xeito que a única titulación válida fose o título de enxeñeira ou enxeñeiro en  informática.

Entre outras cuestións, Suárez Lorenzo abordará tamén a alta porcentaxe de inserción laboral  das persoas que realizan os estudos das enxeñarías en Informática, "a enxeñaría máis transversal do momento", en opinión do representante do colexio profesional.

A organización da charla corre a cargo da Facultade de Informática da Coruña, o Mestrado Universitario en Enxeñaría en Informática e o CPEIG.