Pasar al contenido principal

Henrique Neira deu unha charla sobre o libro do CPEIG "Historia da Informática. Unha cronoloxía"

Neira

O pasado sábado, día 2 de decembro, o xornalista Henrique Neira (foto de Esteban Vázquez) impartiu unha charla na Feira das Industrias Culturais Culturgal sobre o libro "Historia da Informática. Unha cronoloxía", obra escrita polo propio Neira baixo a coordinación de Javier García Tobío e Fernando Suárez, vogal e presidente do CPEIG, respectivamente.

"Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía" é un primeiro achegamento á historia desta disciplina, que o CPEIG agarda ampliar no futuro. Representa o primeiro produto dun proxecto máis amplo para recuperala e difundila. 

Tradición de coñecementos e cálculos

Trátase dunha cronoloxía que, ao longo de máis de duascentas páxinas, busca mostrar que existe en Galicia desde hai séculos unha tradición de coñecementos de cálculos matemáticos e astronómicos; sistemas de numeración, de medida e de comunicación; construción, comercio e uso de aparellos de precisión como reloxos, autómatas e máquinas de calcular; estudo e produción de bibliografía científica; ensinanza e moitas profesións relacionadas. 

Meritorio esforzo de recompilación

O  prólogo do libro correu a cargo de Miguel Ángel Ríos, presidente da Real Academia Galega das Ciencias, quen  explica no limiar: "Tras un notable e meritorio esforzo de recompilación de información, procedente de moi diversas fontes, esta organízase cronoloxicamente na dobre perspectiva mencionada e vaise debullando, época a época, ano a ano, atendendo aos fitos máis importantes, desde 42000 a.C.".

Pola súa banda, o presidente do CPEIG escribe: "Recoller toda esta evolución no presente libro é para o CPEIG, máis que un desafío, case unha obriga. Ademais da enorme cantidade de información existente en hemerotecas, temos a inmensa fortuna de poder contar co testemuño de moitos dos protagonistas desta revolución na nosa comunidade".  Mediante o libro, o CPEIG  recolle e pon en coñecemento da sociedade casos de éxito nos que Galicia é todo un referente. "Saber de onde vimos e valorar con satisfacción o noso protagonismo pasado é fundamental para poder tomar decisións que nos permitan ser líderes na construción da Sociedade do Coñecemento", sinala Suárez Lorenzo.

O CPEIG presentou no mes de xullo do ano pasado o libro "Historia da Informática. Unha cronoloxía", nun acto no que estiveron convocados autoridades académicas e políticas, colaboradores, colexiadas e colexiados, ademais de representantes do sector TIC, baixo a presidencia do titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo. A presentación tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.