Pasar al contenido principal

O CPEIG colabora e impulsa a xornada do CESGA no Día Internacional das Rapazas nas TIC que se celebrará o vindeiro 26 de abril

DíaInternacionaldasRapazasnasTIC

No Día Internacional das Rapazas nas TIC,o CPEIG impulsa e colabora co Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) na xornada que se celebrará o vindeiro 26 de abril na súa sede. É unha efeméride de ámbito internacional creada para motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren as TIC como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. 

A xornada celebrarase pola mañá, de 11:00 a 12:30 horas, cun coloquio virtual con varias mulleres emprendedoras galegas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ás que as/os estudantes que participen desde os seus centros de secundaria/primaria conectados vía streaming coas salas do CESGA poderán facer calquera pregunta sobre os seus campos profesionais ou razóns persoais que as levaron a traballar no ámbito tecnolóxico-dixital. As convidadas deste ano son: María José Durán. Enxeñeira en Informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes; Ana Cidre. Experta en desenvolvemento de tecnolóxica, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech. Ten un grao en Belas Artes e un máster en negocios e economía internacional. A día de hoxe é unha desenvolvedora de software especializada en Angular; Susana Rey. Enxeñeira en Telecomunicacións, máster en Seguridade da Información e responsábel de Seguridade en R.; Cecilia Grela. Enxeñeira en Informática, máster en Consultoría en Software Libre e desenvolvedora de programas en múltiples proxectos de I+D+i (entre outros, o ICT-Go-Girls!), así como formadora en TIC.

Pola tarde, de 17:00 a 19:00 horas, celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades TIC divertidas para mozas e mozos de entre 10 a 14 anos: demostracións e obradoiros de impresión 3D, realidade virtual e aumentada, arte dixital, programación, robótica, e, por suposto, unha visita guiada ao corazón do CESGA, o supercomputador Finis Terrae 2.

Máis información: https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/dia-de-las-chicas-en-las-tic/