Pasar al contenido principal

Desestimado o recurso do COETG contra o acordo da Deputación da Coruña onde se aprobaron postos só para enxeñeiros informáticos

Enxeñaría Informática

 

O xulgado do contencioso-administrativo nº 3 da Coruña desestima o recurso interposto polo Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación de Galicia (COETG) contra o acordo plenario da Deputación da Coruña do 23 de decembro de 2016 no que se aprobou a relación de postos de traballo para o 2017, permitindo só o acceso a titulados en Enxeñaría en Informática. O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) compareceu como parte interesada neste recurso.

A demanda do COETG poñía de manifesto a existencia de nove postos de traballo de técnicos superiores en Informática que, de acordo coa anterior relación de postos de traballo, estaban abertos a diferentes titulacións, entre elas as de enxeñeiros en Telecomunicacións, e así se convocaron para a súa cobertura temporal. Para contextualizar e coñecer antecedentes, o CPEIG lembra que o pleno da corporación provincial aprobou a relación de postos de traballo definitiva despois de que este Colexio profesional presentase un recurso contencioso para permitir só o acceso a titulados en Enxeñaría en Informática en aras de defender os intereses do colectivo. Esta nova relación de postos de traballo reserva as prazas exclusivamente aos titulados na Licenciatura ou Enxeñaría en Informática ou equivalente.

Segundo o CPEIG, a demanda non ten razón de ser ao indicar que o acordo plenario do órgano provincial vulneraba a normativa ao crear a subescala de "Técnico Superior en Informática", aínda que está demostrado que este acordo realizouse con pleno sometemento aos preceptos sinalados. Pola súa propia denominación, a subescala de "Técnico Superior en Informática" non pode ter outras dedicacións que as propias da rama informática, que conta cunha titulación específica regulada no RD 1459/90, diferente á de enxeñeiro de Telecomunicacións que se regula no RD 1421/91.

O fallo da sentencia indica que o COETG terá que facerse cargo das costas causadas ás dúas adversas.