Pasar al contenido principal

O ‘Estudo do impacto da tecnoloxía nos adolescentes’, no que participou o Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática xunto á USC e Unicef, recibe un premio da Agencia Española de Protección de Datos

Premio AEPD

O presidente do Consejo e do CPEIG, Fernando Suárez, asistiu o 28 de xaneiro ao acto de entrega de distincións en Madrid: “Temos que crear tecnoloxía non por eles nin para eles, senón cos adolescentes”

O Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática (CCII), do que é presidente o tamén titular do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, foi unha das entidades distinguidas co ‘Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet polos Menores’ da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD). Suárez recolleu o 28 de xaneiro esta distinción nun acto de entrega de premios que se celebrou na sede da Axencia en Madrid no propio Día Europeo da Protección de Datos.

Na categoría ‘Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet’, o xurado concedeu o premio na modalidade de compromiso de persoas, institucións, organismos, entidades, organizacións e asociacións, públicas e privadas, ao CCII, á Unidade de Psicoloxía do Consumidor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e UNICEF, polo ‘Estudo do impacto da tecnoloxía nos adolescentes’.

O estudo analiza os hábitos de uso de internet e as redes sociais, e no que participaron 50.000 alumnos de 265 centros educativos de Secundaria de todas as Comunidades Autónomas, co fin de xerar medidas e mecanismos de protección, educación e promoción dos dereitos de nenas, nenos e adolescentes na contorna dixital.

Na súa intervención, Fernando Suárez agradeceu este premio á AEPD e parafraseando a Teodosio dixo: “Se queres camiñar rápido faino só, se queres chegar lonxe vaite acompañado”. Segundo Suárez, neste informe participaron tres entidades que desde o primeiro momento demostraron colaboración, entendemento e unidade, pero lembrou que só se fixo unha parte do camiño, e que queda o máis importante, aproveitar as conclusións para mellorar. 

“Temos que crear tecnoloxía non por eles nin para eles, senón cos adolescentes” –indicou. Insistiu que para percorrer este camiño deben continuar acompañados das familias, educadores, autoridades públicas, sector empresarial, é dicir, das empresas que desenvolven as aplicacións onde é absolutamente fundamental que manteñan criterios éticos no seu desenvolvemento, e sobre todo, dos adolescentes que demostraron un nivel de madurez moi importante nesta enquisa, na resistencia á covid e as súas limitacións.