Pasar al contenido principal

1 de cada 4 adolescentes en Galicia fai un uso problemático da Internet e as redes sociais

Informe Unicef

5 de cada 10 adolescentes galegos contactaron con descoñecidos a través da Internet, chats ou redes sociais, e 2 de cada 10 poderían estar a sufrir ciberacoso

UNICEF Galicia demanda políticas máis contundentes que protexan os dereitos da infancia na contorna dixital

Gravación do evento AQUÍ
 

Un de cada catro adolescentes en Galicia usa de forma intensiva e sen supervisión Internet e as redes sociaisi, e un de cada cinco podería ter un certo enganche aos videoxogos, segundo o informe que presentou hoxe UNICEF Comité Galicia: Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia en Galicia. Relacións, Riscos e Oportunidades.

Con motivo do Día da Internet Segura, este 8 de febreiro, UNICEF Galicia quere facer fincapé en que é fundamental promover un uso seguro da tecnoloxía para protexer aos nenos, nenas e adolescentes, así como para garantir o cumprimento dos seus dereitos na contorna dixital.

O estudo, Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia en Galicia, elaborado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consejo General de Colegios de Ingeniería en Informática (CCII), lanza as opinións de máis de 3.000 adolescentes de 19 centros de Ensino Secundario Obrigatorio de Galicia, dos que o 90,8% conéctase a Internet todos ou case todos os días. Aínda que recoñecen que a rede lles pode facer sentir alegría (97,9%), diversión (82,9%), tranquilidade (81,9%) ou apoio e comprensión (71,5%), do informe despréndense tamén conclusións e datos preocupantes. Aqueles adolescentes que fan un uso problemático da Internet ou que poderían ter unha posible adicción aos videoxogos presentan niveis máis baixos de integración social e familiar, benestar emocional e satisfacción coa vida.

Non estar presente en redes sociais é un feito excepcional para os estudantes galegos da ESO: o 97,9% está rexistrado nalgunha rede social e o 80,5%, de feito, está rexistrado en tres ou máis redes sociais. Aínda que é necesario resaltar que seis de cada dez teñen máis dun perfil nunha mesma rede social, perfís que utilizan selectivamente para familia e coñecidos ou para grupos de iguais.

“As redes son una fonte de entretemento e permite relacións cos nosos iguais, están para comunicarse e para divertirse. Non me sorprenden os datos que se desprenden do informe. Son unha realidade, aínda que eu non durmo co móbil. E gustaríame apuntar, que os pais parece que non queren darse conta, pero non actúan como modelo”, Bea, 15 anos, do CLIA de Teo.

Así, cinco de cada dez, un 53,6%, contactaron con descoñecidos a través de Internet, chats ou redes, e un 54,1% aceptou a descoñecios en redes sociais. As prácticas do sexting e o ciberacoso son cada vez máis habituais, sendo identificadas polos propios adolescentes como os principais riscos que presenta a tecnoloxía: catro de cada dez enquisados asegura recibir algunha vez mensaxes de contido erótico/sexual, un de cada dez recibiu –a través de redes, chats, Internet ou videoxogos- unha proposición sexual por parte dun adulto, e dous de cada dez poderían estar a sufrir ciberacoso.

“Sorprendéronme os datos en relación aos temas sexuais nas redes sociais. Preocúpame tamén todo o que ten que ver coa privacidade.” apuntou Martín, 15 anos, membro do Consello de Participación Infantil e Adolescente (CLIA) de Nigrán. “E hai una fenda de xénero que non quero deixar de remarcar. Algunhas das miñas amigas e compañeiras sofren acoso e ciberacoso. Os meus amigos varóns non.” remata Martín.
“É evidente a xanela de oportunidades que as novas tecnoloxías ofrecen a mozos e adolescentes, vantaxes para o seu desenvolvemento e aprendizaxe como o acceso a información a través de aplicacións e plataformas especializadas ou a axuda que pode ofrecerlles na construción de relacións sociais. Con todo, queda patente que tamén implica unha serie de riscos que non debemos obviar e que quedan retratados nas preocupantes cifras de sexting, contacto con descoñecidos ou ciberacoso resultantes do estudo”, afirmou Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Comité Galicia.

Os videoxogos constitúen unha importante canle de socialización e interacción social, a través da cal os adolescentes coñecen xente e fan amigos. Para seis de cada dez adolescentes é a súa principal canle de lecer e entretemento, aínda que cinco de cada dez recoñecen xogar a xogos non recomendados para a súa idade. En relación á supervisión parental, só tres de cada dez pais se fixa no PEGI (Pan European Game Information, sistema europeo de clasificación de videoxogos por idade).

“As redes enganchan, os videoxogos enganchan. Unha cousa é o risco, outra cousa saber o que che está pasando”, sinala Bea, 15 anos, membro do CLIA de Teo.

Tamén preocupan o xogo e as apostas en liña, xa que se estima que 3.000 estudantes de ESO en Galicia fixérono algunha vez na súa vida; o 45,5% deles di que a súa motivación foi gañar diñeiro. E, aínda que un 22,6% dos enquisados asegura ter discusións cos seus pais, nais ou coidadores pola tecnoloxía polo menos unha vez á semana, o informe constata que só ao 34,9% lles poñen límites ou normas os seus pais sobre o uso da Internet e/ou as pantallas.

Neste sentido, e á vista dos resultados do informe, a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso debe ser unha prioridade, debido a que se detectaron taxas de vitimización sensiblemente máis altas que as que ofrecen as estatísticas oficiais. É necesario tamén tomar medidas para reducir as preocupantes cifras de sexting, contacto con descoñecidos ou posibles casos de groomingii, así como abordar o uso problemático das redes sociais e posibles adiccións a videoxogos.

“Detrás destes datos vexo caras, vexo caras de adolescentes, dos alumnos cos que traballo día a día. Vexo os riscos do xogo en liña, da pornografía nas plataformas como onlyfans, do suicidio. É necesario un compromiso e un acompañamento das institucións para dotar de recursos aos centros.”, afirma Andrea Herrero, profesora e directora do IES Praia Barraña de Boiro.

“O uso problemático da Internet e as redes, así como a frecuencia ou intensidade do xogo afecta ao día a día dos adolescentes e ás súas familias, xa que impacta directamente no seu benestar emocional e na súa saúde mental.”, resaltou Antonio Rial Boubeta, profesor titular de Psicoloxía da USC. “Por iso, este informe pretende non só ser un diagnóstico de base do actual uso que os adolescentes galegos fan da Internet, as redes sociais e, por extensión, as TRIC, facendo fincapé nas posibles condutas de risco, usos problemáticos e/ou potencialmente aditivos, senón promover que os dereitos da infancia sexan unha realidade na contorna dixital”, concluíu Rial Boubeta.

“Desde UNICEF lanzamos unha serie de recomendacións para promover que nenas, nenos e adolescentes poidan navegar e aprender seguros na internet, que conten con habilidades e ferramentas para xestionar os riscos asociados e poidan crecer facendo un uso saudable, equilibrado e respectuoso das Tecnoloxías para as Relacións, a Información e a Comunicación, as TRIC.”, resaltou Irene Marín, coordinadora de UNICEF Comité Galicia.

Entre estas recomendacións destacamos as seguintes:

  • A necesidade de que as familias conten con ferramentas e apoio para poder exercer o seu labor educativo e de acompañamento.
  • Promover a importancia do sistema educativo como ámbito clave para adquirir as pautas e ferramentas necesarias para manexarse en Internet.
  • Que os propios adolescentes reciban a información necesaria tanto para poder comprender os riscos como para poder denunciar situacións de abuso.
  • Contar con políticas máis contundentes por parte das institucións para a protección dos nenos e a súa imaxe na rede.
  • A industria tecnolóxica ten que garantir a protección dos adolescentes a través de, por exemplo, recomendacións claras de uso e privacidade.

“Os adultos debemos supervisar e darlle aos adolescentes unha visión crítica das redes, explicarlles que non todo o que din os seus referentes en liña é real. Ese acompañamento é básico.”, remarca Belén Montesa, psicóloga, experta en adolescentes. “Como nos comunicamos cunha xeración que está hipercomunicada? Como o facemos os pais e nais que moitas veces estamos fóra desta formación sobre as redes?”, reflexiona Fernando Lacaci, Presidente da Confederación de ANPAS Galegas.

“Por todo isto, e para construír unha contorna dixital segura, saudable e equitativa, temos que actuar desde todos os sectores da sociedade: familias, educadores, os propios nenos e adolescentes, as Institucións, o Goberno e a industria tecnolóxica”, remarcou Irene Marín.

O informe foi presentado hoxe en Santiago de Compostela nun acto que contou coa participación de Irene Marín coordinadora de UNICEF Comité Galicia; Antonio Rial, profesor de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e responsable do estudo; Fernando Suárez, presidente do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñería en Informática (CCII), que dirixiu o soporte tecnolóxico do estudo. Na mesa redonda, conducida por María Solar, xornalista e escritora, participaron Belén Montesa, psicóloga, experta en adolescentes; Fernando Lacaci, presidente da Confederación de ANPAS Galegas; Andrea Herrero, profesora de secundaria e Directora do IES Praia Barraña, Boiro; e dous adolescentes, Beatriz e Martín, membros dos Consellos Locais de infancia e adolescencia de Teo e Nigrán, respectivamente. Inauguraron o acto Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Comité Galicia, Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade e Fernando Suárez.

Campaña #EducaTRIC
Con motivo da presentación deste informe, UNICEF Galicia pon en marcha, a partir de mañá día 9, unha campaña de sensibilización dirixida aos propios adolescentes, familias, educadores, institucións e industria tecnolóxica co obxectivo de visibilizar os riscos aos que se enfrontan os rapaces e rapazas na contorna dixital.

Baixo o cancelo #EducaTRIC, personalidades públicas galegas do mundo da cultura, como Lucía Regueiro, amiga de UNICEF Comité Galicia, Pablo Núñez, David Amor, Monti Castiñeiras, Miguel Canalejo, Xúlio Abonjo e Beatriz Serén; da sanidade, Manuel Viso e do deporte, Sofía Toro, Sergio Vallejo e Teri Portela, quixéronse sumar á campaña e traballar para construír unha contorna dixital segura, saudable e equitativa.

Nota para editores:

O Estudo nacional sobre Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia. Relacións, Riscos e Oportunidades (un estudo comprensivo e inclusivo cara ao uso saudable das TRIC) –o maior sobre esta temática realizado ata a data no noso país e a nivel europeo- conta coas opinións de máis de 50.000 adolescentes de 265 centros de Ensino Secundario Obrigatorio de titularidade pública, privada e/ou concertada das 17 comunidades autónomas de España, que participaron de maneira voluntaria, e con todas as garantías de confidencialidade e protección dos datos recompilados.

Os datos foron recollidos entre novembo de 2020 e marzo de 2021, a través dun cuestionario en liña nas propias aulas.

Documentos de este artículo