Pasar al contenido principal

O CPEIG abre a inscrición final [https://oig.gal/] para participar na Olimpíada Informática Galega o vindeiro 11 de marzo, organizada en colaboración coas Universidades da Coruña, Vigo e Santiago

OIG 2022

Os participantes, de secundaria, bacharelato ou ciclo de grao medio, deberán resolver unha serie de problemas mediante unha linguaxe de programación

Celebrarase simultaneamente, de 17 a 20 horas, na Facultade de Informática da UDC, na Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)– organiza a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022) o vindeiro 11 de marzo.

A olimpíada celebrarase de xeito presencial e de maneira simultánea en tres sedes: A Coruña, Ourense e Santiago (Facultade de Informática da UDC, Escola Superior de Enxeñaría en Informática da UVigo e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC). A proba será en horario de tarde, de 17:00 a 20:00 horas, aínda que os participantes deberán estar na sede escollida ás 16:00 horas. Poderán participar estudantes de educación secundaria –ESO–, bacharelato ou formación profesional de grao medio de calquera centro de Galicia, sempre que non se teñan superado os 20 anos de idade o 1 de xullo de 2022. A inscrición final dos participantes xa está aberta na web da olimpíada: https://oig.gal/. Durante os meses previos, estivo aberta unha preinscrición que daba acceso a formación e adestramento en programación, en colaboración coa academia Leagues of Code.

O certame galego consta de seis problemas que se deberán realizar nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Permítese o uso de C++, Python ou Java. Cada problema describirá un escenario no que se pretende que un programa informático axude dalgunha maneira. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos. 

Os dous primeiros postos na clasificación da OIG 2022 accederán de xeito directo á fase final da Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará na primeira fin de semana de abril. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto de 2022 en Indonesia.

A OIG 2022 está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC: Abanca, Atos, Bahía Software, Clúster TIC Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Extreme Networks, Google Cloud, Grupo Tesalia- Emetel, Minsait (Indra), NetApp e Sixtema.

Consulta de dúbidas: informacion@cpeig.gal