Pasar al contenido principal

A Olimpíada Informática Galega celébrase hoxe coa participación de dezasete estudantes da Coruña, Culleredo, Noia, Santiago, A Estrada, O Porriño, Vigo, O Barco de Valdeorras e Ourense

OIG

Os dous gañadores pasarán á fase nacional, que terá lugar os días 2 e 3 de abril en Madrid

O CPEIG, en colaboración coas tres universidades galegas e o CITIC e o patrocinio dunha quincena de empresas do sector TIC, organiza este certame na Facultade de Informática da UDC, na Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, de 17 a 20 horas

 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)– e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), organiza hoxe venres, 11 de marzo, a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022).

A olimpíada celebrarase de xeito presencial e de maneira simultánea en tres sedes: A Coruña, Ourense e Santiago (Facultade de Informática da UDC, Escola Superior de Enxeñaría en Informática da UVigo e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC). A proba será en horario de tarde, de 17:00 a 20:00 horas, aínda que os participantes deberán estar na sede escollida ás 16:00 horas. A axenda do certame é a seguinte:

 

16:00 h_ Recepción de estudantes en cada sede e acceso ás aulas.
16:15 h_ Benvida telemática por parte do comité organizador, co presidente do CPEIG, Fernando Suárez; a vicepresidenta do CPEIG, Susana Ladra; e o organizador da Olimpiada Informática Española, Marco Antonio Gómez Martín; e presentación da Olimpíada.
16:45 h_ Entrega de credenciais de usuario/a e conexión á contorna de desenvolvemento da proba.
17:00 h_ Inicio da proba.
20:00 h_ Fin da proba.
20:15 h_ Conexión telemática entre as sedes para coñecer a resolución do xurado e acto de clausura que estará presidido pola vicepresidenta do CPEIG, Susana Ladra.

Inscribíronse un total de 17 estudantes –13 rapaces e 4 rapazas– de educación secundaria –ESO–, bacharelato e formación profesional de grao medio de toda Galicia, procedentes das cidades da Coruña, Ourense, Santiago e Vigo, pero tamén hai participantes de localidades como A Estrada, Culleredo, Noia, O Barco de Valdeorras e O Porriño. Os estudantes proceden de 11 centros da comunidade galega:

LOCALIDADE CENTRO Nº ALUMNOS
…A Coruña…
Santiago CPR Colexio Manuel Peleteiro de Santiago 3
A Coruña CPR Plurilingüe Liceo La Paz de A Coruña
CPR Santo Domingo de A Coruña
IES Agra do Orzán de A Coruña
1
1
1
Noia IES Campo de San Alberto de Noia 3
Culledero IES Rego de Trabe de Culleredo 1
…Pontevedra…
A Estrada IES Manuel García Barros de A Estrada 2
O Porriño IES Ribeira do Louro de O Porriño 1
Vigo IES Ricardo Mella de Vigo 1
…Ourense…
Ourense IES 12 de Outubro de Ourense 1
O Barco de Valdeorras IES Martagisela de O Barco 2

 

 

A fase internacional celebrarase en Indonesia o vindeiro mes de agosto

O certame galego consta de seis problemas que se deberán realizar nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Permítese o uso de C++, Python ou Java. Cada problema describirá un escenario no que se pretende que un programa informático axude dalgunha maneira. Os problemas da olimpíada céntranse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.

Os dous primeiros postos na clasificación da OIG 2022 accederán de xeito directo á fase nacional da XXVI Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará os días 2 e 3 de abril en Madrid. De aí, os gañadores poderán acceder á 34ª Olimpíada Internacional de Informática, que se celebrará do 7 ao 14 de agosto de 2022 en Indonesia.

A OIG 2022 está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC: Abanca, Apser, Atos, AWS, Bahía Software, Clúster TIC Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Extreme Networks, Google Cloud, Grupo Tesalia–Emetel, Minsait (Indra), NetApp, Plexus e Sixtema. Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a/o mellor participante da ESO. Con posterioridade ao 11 de marzo, celebrarase un acto de entrega de premios.