Pasar al contenido principal

O CPEIG rende homenaxe a Margaret Hamilton, enxeñeira da NASA que levou o Apolo á lúa

Homenaxe Margaret Hamilton

O acto, enmarcado nas iniciativas do Día da Muller, celebrarase mañá venres ás 12 horas no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago

•    Proxectarase un vídeo tributo á pioneira da programación cunhas palabras da propia estadounidense dedicadas ao CPEIG
•    Organizarase unha mesa redonda con voces de enxeñeiras das universidades da Coruña e Vigo sobre a presenza de mulleres na actividade científica e informática, así como a necesidade de estimular as vocacións femininas 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) conmemora mañá venres, 18 de marzo, o Día da Muller cun acto homenaxe á enxeñeira da NASA, a estadounidense Margaret Hamilton. O evento celebrarase ás 12:00 horas no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela.

A xornalista María Almodóvar presentará o acto no que se contará coa intervención do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a proxección dun vídeo tributo a Margaret Hamilton, que conta cun saúdo da propia enxeñeira estadounidense adicado ao CPEIG. A profesora titular de Intelixencia Artificial da Universitat Politècnica de Catalunya_ BarcelonaTech (UPC), Núria Castell, ofrecerá unha semblanza sobre a pioneira da programación.

A continuación, terá lugar a mesa redonda “O emprendemento feminino en Galicia. Vocacións tecnolóxicas”, onde enxeñeiras informáticas das universidades da Coruña e Vigo debaterán sobre a presenza de mulleres na actividade científica e informática, así como a necesidade de estimular as vocacións femininas. Participarán neste encontro Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña (UDC) e Premio Ada Byron na VIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (2016) do CPEIG; a vicepresidenta do CPEIG, doutora en Informática pola UDC e graduada en Matemáticas pola UNED, así como directora do Campus Innova da UDC e Premio Ada Byron na V Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (2013), Susana Ladra González; a vicetesoureira e presidenta da Comisión de Igualdade do CPEIG e profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Uvigo), Lorena Otero Cerdeira; Núria Castell; e Fernando Suárez.

Margaret Hamilton (Indiana, Estados Unidos, 1936) é unha científica computacional, matemática e enxeñeira de sistemas que foi pioneira na utilización do termo ‘enxeñaría do software', fai xa 50 anos, durante as primeiras misións Apolo da NASA.

Foi directora da División de Enxeñaría do Software do Laboratorio de Instrumentación do Massachusetts Institute of Technology (MIT) de Estados Unidos, onde liderou o desenvolvemento do software de navegación on-board para o programa Espacial Apolo. Grazas aos principios de deseño que aplicou, puidéronse resolver os problemas no ordenador de navegación cos que se atoparon os astronautas da misión Apolo 11 no momento da aluaxe e que permitiron a chegada do home á Lúa.

Tamén foi fundadora e directora executiva de Hamilton Technologies, Inc. (1986), en Cambridge, a compañía que desenvolveu a Linguaxe Universal de Sistemas e a teoría matemática na que se basea —Development Before the Fact (DBTF)— para sistemas de deseño de programario. O 22 de novembro de 2016, Hamilton recibiu a Medalla Presidencial da Liberdade, entregada polo presidente de Estados Unidos, Barack Obama, polo desenvolvemento do software das misións Apolo. En 2018, foi investida doutora ‘honoris causa’ pola Universitat Politècnica de Catalunya (UPC).

Como curiosidade, a pegada e relevancia de Margaret Hamilton é tal que mesmo a empresa danesa de xoguetes LEGO, na súa edición especial do xogo Lego Mulleres da NASA, creou unha minifigura de Margaret Hamilton: https://www.lego.com/es-es/product/women-of-nasa-21312.

Seguir o acto en streaming neste ENLACE