Pasar al contenido principal

O pensador e divulgador Marcelo Castelo impartirá un curso para axudar aos tecnólogos a crear un discurso único e influínte, organizado polo CPEIG

Curso Marcelo Castelo

O obxecto é mellorar a comunicación, a credibilidade e a autoridade profesional dos vinte participantes

O taller celebrarase de xeito presencial no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago os días 22 e 23 de abril e o 7 de maio

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza un curso práctico sobre “Storytelling para tecnólogos” impartido polo pensador, investigador e divulgador Marcelo Castelo. O taller, de tipo presencial, impartirase os días 22 e 23 de abril e o 7 de maio no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago para un máximo de vinte persoas (venres de 16:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas).

Marcelo Castelo explica que este curso práctico de comunicación está deseñado para incrementar a credibilidade profesional do tecnólogo, aprendendo a sintonizar nas súas exposicións cos intereses do cliente interno e externo “sen perder a esencia profesional como técnico”, así como aumentar a capacidade para atraer e manter a atención, multiplicar a colaboración nos proxectos e conseguir máis influencia dentro e fóra da súa organización. “Axudarei a aumentar a credibilidade dos asistentes para que aprendan a sintonizar cos intereses dos seus interlocutores e para que se expresen con convicción, defendendo con eficacia os seus proxectos, produtos e servizos, ademais de coñecer como sacar o seu lado máis sedutor, aumentar a autoestima para afrontar diversas conxunturas, incrementar a súa seguridade persoal, lograr recoñecemento profesional, controlar as súas emocións ou fortalecer a súa capacidade de comunicación e liderado” –describe–. O último día do curso, cada alumno expoñerá un caso práctico. Todos os asistentes serán gravados durante o taller e recibirán unha valoración personalizada da súa exposición, destacando as súas fortalezas e áreas de mellora.

En tres xornadas impartirase este taller práctico, vivencial e participativo, que está dividido en catro fases: entender o medo escénico; pecados capitais a evitar; monta a túa propia historia; e a posta en práctica dos coñecementos. Está dirixido a directores técnicos das áreas de informática, comunicacións, seguridade ou I+D+i dunha compañía; directores científicos de mandos intermedios e departamentos especializados; responsables, coordinadores, consultores e asesores de departamentos técnicos; e administradores e programadores que teñan relación con clientes internos e externos. 

Marcelo Castelo é un pensador, investigador e divulgador que forma parte do grupo Thinking Heads. Investiga como utilizan a súa comunicación os grandes persuasores para influír nos seus clientes, pacientes, alumnos, subordinados, xefes, colegas ou socios. Froito dos seus estudos creou a teoría das tres dimensións da comunicación humana na que revela os estados polos que ten que pasar unha mensaxe para obter un efecto no oínte.

Profesionalmente, Marcelo Castelo tivo vinculada a súa carreira ao sector informático. Chegou a ser o director xeral de San Luis Informática e na súa etapa de emprendedor foi o conselleiro delegado e fundador de empresas tan recoñecidas no sector como  Professional Training, Training Channel, Alcatraz Solutions ou Lopdgest.

Como autor, escribiu os ensaios “El cliente ha muerto… Viva el cliente! e a obra seminal
“¡Si lo sé, no lo digo!”. A súa teoría da comunicación está exposta no tratado “Teoría general de las tres dimensiones de la comunicación humana: la triada lingüística de Babel (TLB)”. Na actualidade, está finalizando o seu terceiro libro “El elegido. Profesionales que enamoran, se diferencian y marcan la diferencia”. Na súa faceta como divulgador, cada semana, durante tres anos, achegou a súa área de investigación ao gran público na Cadena SER da Coruña, a súa cidade de residencia habitual.

Inscrición e máis información: 
https://meetingpoint.marcelocastelo.com/storytelling-para-tecnologos/